Besteiro esixiralle a Rueda que responda no Parlamento do peor comportamento da economía galega con relación ao resto do Estado 

por 21 Noticias

O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, reclamaralle ao presidente da Xunta que dea conta da súa responsabilidade no peor comportamento da economía galega con respecto do resto do Estado. A viceportavoz do Grupo Socialista, Elena Espinosa, explicou logo da Xunta de Portavoces do Parlamento celebrada hoxe que o líder socialista centrará a próxima sesión de control na xestión económica do goberno galego.

O líder dos socialistas galegos presentará esta pregunta ao presidente como parte do traballo que están a realizar o PSdeG nesta materia, e que inclúe a fiscalización da acción do goberno galego, sinaladamente sobre o financiamento e xestión dos fondos públicos en Galicia na actualidade. Elena Espinosa adiantou que Rueda deberá dar conta do peor comportamento da economía galega, que ten un crecemento previsto para este ano do 1,2 por cento, por baixo do 2 por cento do Estado.

A responsable socialista advertiu que o presidente da Xunta terá que dar explicacións da perda de oportunidades que supón o peor comportamento da economía galega, unido a un maior crecemento xeneralizado da inflación.

Neste mesmo sentido, e no marco da xuntanza de alcaldes socialistas celebrada hoxe en Compostela, o Grupo Socialista presentará no Pleno da próxima semana unha Interpelación para reclamarlle á Xunta un novo modelo de financiamento local que garanta un financiamento suficiente para que os concellos poidan atender ás competencias que lles delega o goberno galego.

Espinosa afeoulle ao goberno galego que descargue nas administracións locais materias da súa competencia sen que vaian acompañadas dos recursos necesarios, seguindo a práctica do “eu invito e ti pagas». Os socialistas levarán ademais unha pregunta urxente para reclamarlle á Xunta que cumpra co compromiso de crear centros de crise 24 horas para a atención de vítimas de violencia de xénero para os que ten dispoñibles 5,6 millóns de fondos Next Generation.

Tamén incluirán unha Interpelación sobre a xestión dos residuos sólidos urbanos, logo da intención do goberno galego de descargar nos concellos o canon de Sogama. Espinosa desmentiu que o canon derive do Estado, senón que xurde do incumprimento da normativa medioambiental por parte da Xunta, que “continúa incinerando e enterrando en vertedoiro”, e esixiulle ao goberno galego que asuma a suba do imposto porque “quen contamina, paga”.

O Pleno da próxima semana debaterá ademais unha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta que, diante da supresión da taxa de reposición no ensino, recupere o cadro de persoal do profesorado de Primaria e Secundaria, así como as prazas especialistas pedagóxicas e de reforzo. Así mesmo, presentarán unha proposición no de Lei para reducir o abuso dos contratos menores concedidos “a dedo” polo goberno galego.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario