A ANPA de Dodro manifesta que os recortes en educación «tamén nos están afectando, en concreto ó CPI Eusebio Lorenzo Baleirón, deixando sen profesor de Audición e Linguaxe ó seu alumnado, a pesar de que nas listas de Xuño esa praza aparecía cuberta e o colexio contaba con esa figura para atender as necesidades, máis que demostradas, do seu alumnado».
Adxunta a carta que están enviando tanto a Inspección, como a xefatura territorial de educación, entre outros, na que se explica o que está sucedendo, e o que están reclamando.
RECLAMACIÓN PROFESOR AUDICIÓN E LINGUAXE CPI EUSEBIO LORENZO
Prezado señor/a
Diríxome a vostedes en calidade de pai e nai dun alumnodo CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro.
Expoño que:
- Na presentación de comezo de curso celebrada no CPI o pasado 10 de setembro, tivemos coñecemento que a praza de Audición e Linguaxe non estaba cuberta para o curso actual e que non se prevía a incorporación inmediata dun profesor tal e como se veu facendo dende que o noso fillo está en Educación Primaria e Secundaria. O cal, resulta especialmente irritante, cando existen profesores substitutos de AL agardando nomeamento e destino.
- Que a praza foi asignada a un profesor na resolución provisional do CADP e na resolución definitiva esta praza desapareceu cando as necesidades do centro eran exactamente as mesmas. As NEE e NEAE do alumnado do centro non mudaron entre unha resolución e outra.
- Que a solución improvisada pola administración educativa (PROA +) non responde a unha planificación rigorosa nin a unha resposta áxil e organizada das demandas do Departamento de orientación feitas en tempo e forma, xa que a concesión deste novo profesional non sería inmediata nin sería para todo o curso, amén de estar suxeita a outros criterios (máis aló do departamento de orientación) que, finalmente, poderían derivar na non concesión do PROA+.
- As necesidades educativas do meu fillo en particular e outros alumnos do centro con graves deficiencias auditivas e de de aprendizaxe (xordeira, dislexia, Trastorno Específico da Linguaxe, alumnos con próteses auditivas, …) fan imperativa a incorporación inmediata dese especialista nos mesmos termos que se viña facendo.
- Non se está a cumprir o artigo Artigo 5 da Orde do 8 de setembro de 2021 pola que se desenvolve o Decreto 229/2011, relativo a calidade como principio ao non cubrir coa dilixencia necesaria e celeridade oportuna as prazas requiridas dende os centros educativos.
- Se está vulnerando gravemente o dereito do meu fillo, e por extensión o de todo o alumnado con NEE e ANEAE do centro, ao non atender de forma prioritaria as súas necesidades cos apoios e atencións educativas específicas tal e como establece a Orde do 8 de setembro nos artigo 7 e 27 onde se afirma que os nosos fillos contarán cos recursos profesionais e materiais adecuados para prestar unha atención educativa de calidade, inclusiva e para a diversidade.
- A arbitrariedade que supón a desaparición do mestre de AL, estanos forzando a recorrer a unha atención privada (xeralmente custosa e de acceso máis limitado) posto que non se garante a atención de calidade que recibimos no CPI nos últimos anos nin se satisfacen as necesidades educativas do noso fillo.
- De non se cumpriren as obrigas da Administración Educativa no relativo á atención do alumnado con necesidades educativas e non respectar as normas que así o regulan, procederase a denunciar este feito diante dos organismos e institucións oportunas e, polos medios que estimemos convenientes, para dar visibilidade a esta flagrante violiación dos nosos dereitos como pais e alumnos.
Por todo o anterior, SOLICITO:
- O chamamento e incorporación inmediata do profesor de Audición e Linguaxe ao CPI Eusebio Lorenzo Baleirón nos termos que se fixo sempre.
- Que se detallen os motivos que levaron á desaparición da praza entre unha resolución e outra do CADP.
Quedando á espera da súa resposta e rectificación, reciban un saúdo.
Foto Paxinas Galegas