Javier Castiñeira explica que estes documentos son “fundamentais” para poder seguir coa tramitación ambiental e posterior licitación do dragado “para avanzar no desenvolvemento económico de Foz”.
Os concelleiros do PP de Foz defenderán unha iniciativa no vindeiro pleno para instar ao Ministerio de Transición Ecolóxica a que axilice e emita canto antes o informe solicitado por Portos de Galicia sobre o dragado da canle e da dársena do Portochico.
Así o explica o voceiro popular en Foz, Javier Castiñeira, que onte participou xunto a varios concelleiros e representantes da asociación A Ribeira nunha xuntanza co presidente de Portos de Galicia para coñecer a situación na que se atopa o expediente.
“É un informe fundamental para seguir coa tramitación ambiental e a posterior licitación do dragado, moi importante para o sector, algo que lle transmitimos onte ao director de Portos de Galicia, explicou.
Durante a xuntanza “puidemos coñecer” o estado no que se atopa o expediente do dragado e da reorganización de Portochico, “e lamentablemente constatamos que aínda non chegaron os informes necesarios a pesar de que hai varios meses que se solicitaron”.
Javier Castiñeira lamenta “toda a burocracia que estamos a sufrir” por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica o que “está a afectar directamente ao desenvolvemento de Foz”. “Seguramente no Ministerio están máis preocupados por outros temas que por desenvolver uns traballos que teñen un orzamento de 3.5M€”, explicou.
Por último, dende o PP de Foz agradecen á asociación A Ribeira a súa preocupación porque se desenvolvan estes traballos que “insistimos son fundamentais para o crecemento de Foz”, así como ao presidente de Portos de Galicia “por informar con total transparencia da situación na que se atopa o expediente”.