O presidente da Deputación e a presidenta de Amigos da Ópera asinaron o convenio para o financiamento das óperas, concertos, clases maxistrais e actividades paralelas que desenvolve a asociación.
A Deputación da Coruña apoia con 90.000 euros á asociación Amigos da Ópera para o financiamento da programación lírica da Coruña durante o 2024. O presidente provincial, Valentín González Formoso, e a presidenta de Amigos da Ópera, Natalia Lamas, asinaron o convenio de colaboración entre ambas entidades para promocionar a ópera na cidade.
A Deputación apoia así a programación lírica cunha achega económica que supón o 25% do orzamento total do ciclo, que ascende a máis de 357.000 euros e que inclúe este ano óperas como L´elisir D’ Amore, a obra máis popular de Gaetano Donizetti, que se representará 27 e 29 de setembro no Teatro Colón cun elenco integrado por Ruth Iniesta, Ramón Vargas, Damián del Castillo, Luís Cansino e Susana García baixo a dirección musical de Guillermo García Calvo e música a cargo da OSG, o Coro Gaos e Nausica Opera de Parma (Italia).
Dentro da programación deste ano inclúese tamén a estrea mundial de Pálido Punto Azul, de Javier Otero Neira (12 de novembro no Teatro Rosalía de Castro), ademais de proxeccións doutras óperas como A Rondine, Edgar e A Fanciulla del West e conferencias a cargo de Arturo Reverter (26 de outubro en Afundación) ou Javier Otero (11 de novembro en Afundación).
Clases maxistrais e recitais de novos intérpretes
A ampla programación lírica da Coruña en 2024 inclúe ademais clases maxistrais de Carlos Álvarez no Conservatorio de Música da Coruña, recitais de novos intérpretes no Museo de Belas Artes e no Teatro Rosalía de Castro, a actividade Opera Kids e Gala final de peche da 72ª tempada de Amigos da Ópera, que terá lugar o 29 de novembro no Teatro Colón con Hiu He, Beatrice Veneci e a Orquesta Sinfónica de Galicia.
Formoso destacou «a variada e excelsa programación que ofrece Amigos da Ópera, traendo á cidade da Coruña a figuras de recoñecido prestixio internacional e, ademais, facendo unha labor moi importante que permite promocionar a novos talentos e achegar a lírica aos máis pequenos e ás novas xeracións”.