O PSOE de Arteixo presentará unha moción contra a suba do canon de SOGAMA

por 21 Noticias

Os socialistas solicitan a paralización inmediata do incremento previsto para o vindeiro ano que suporía un incremento do 60 %, de 66 euros por tonelada a 108 euros.

O grupo municipal socialista de Arteixo presentará unha moción no pleno de setembro contra a eliminación da bonificación do 10% no canon de lixo que SOGAMA, a sociedade xestora de residuos de 295 concellos galegos, estableceu en 2019 para os concellos que se comprometesen a reducir o volume de lixo e envases lixeiros así como a repercutir esta rebaixa nos recibos á veciñanza.

O portavoz do grupo municipal socialista de Arteixo, Martín Seco, explica que na lei de acompañamento dos orzamentos 2023 “xa coñecemos a intención de SOGAMA de suprimir esta bonificación amparándose no aumento dos custos de luz e gas da súas instalacións”, pero ante a resposta social o goberno galego substituíu esta medida pola bonificación do 15% condicionada á implantación do contedor marrón e o traslado aos recibos da rebaixa.

No pasado mes de xuño de 2024 SOGAMA anunciou a eliminación desta bonificación do canon para os meses que quedan de 2024 e fixou a taxa aos Concellos en 66 euros por tonelada, suprimindo a rebaixa do 15 % da que se beneficiaban 118 municipios pola implantación do contedor marrón.

“Neste momento o goberno galego está a aplicar esta suba a pesar do malestar existente nos concellos e anuncia que no ano 2025 incrementará a cota que pasará dos 66 euros actuais a 108 euros, o que ocasionará un gran impacto nas arcas municipais e en consecuencia no recibo da veciñanza” expón o voceiro socialista.

Dende o grupo municipal socialista esixirán tamén ao goberno galego que mude a súa política de xestión de residuos cara unha xestión descentralizada con plantas de proximidade; e primando a redución e a reciclaxe fronte á incineración e o depósito en vertedoiro, axudando economicamente aos concellos para a implantación do contedor marrón ou formas análogas de tratamento diferenciado dos residuos orgánicos.

“E por suposto, que non grave aos concellos que levan dende o ano 2019 cumprindo os compromisos medioambientais coa supresión do 15% da bonificación do canon” engade Seco, “nin utilice o fondo de cooperación local, cuxo obxecto é levar a cabo investimentos nos diferentes concellos, para compensar o gravame derivado da súa nefasta xestión”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario