O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo unha reunión con representantes do Concello de Mondoñedo e da asociación xuvenil Xoldra aos que lles confirmou o apoio do Goberno galego para a terceira edición do festival BreaSon, que se celebrará na localidade mariñá o venres 8 e o sábado 9 de novembro.
O festival contará coas actuacións de recoñecidas bandas e artistas da música galega actual, como Terbutalina, Cool Nenas, De Ninghures, Brassica Rapa, Ortiga, a Duendeneta ou as Meniñas da Mariña, e tamén da banda municipal Pascual Veiga. Haberá ademais actividades complementarias para todas as idades, como a celebración dun magosto popular.
A Xunta colaborou xa economicamente nas edicións anteriores deste festival, que se celebrou por primeira vez en novembro de 2022 coincidindo coa conmemoración dos 25 anos da creación da asociación xuvenil.
Javier Arias felicitou ao colectivo Xoldra por manter o BreaSon, “unha cita que serve como escaparate para os artistas galegos e que ten un impacto positivo en Mondoñedo desde o punto de vista económico e turístico”. Destacou ademais que o Goberno galego “segue a apostar por grandes festivais como o Caudal Fest, que se celebrou a pasada fin de semana en Lugo cun enorme éxito, ao tempo que impulsa outros emerxentes coma o BreaSon, que conta ademais co aliciente de celebrarse nun enclave único como é a praza da Catedral de Mondoñedo”.