Mocións do GM Socialista de Portomarín para o pleno do xoves 26 de setembro

por 21 Noticias

Moción Colexios e Centro de Saúde

O Grupo Municipal Socialista, en base ao disposto nos artigos 91.4 e 97.3 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das entidades locais e demais normativa que poida resultar de aplicación, presenta, diante do Pleno da Corporación esta MOCIÓN, en base ás seguintes consideracións:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS.

No anterior pleno celebrado o pasado 8 de agosto de 2024 a instancias deste Grupo Socialista, ao non querer por parte do Grupo Popular presentar unha moción conxunta, aprobouse solicitar á Consellería de Educación que se cubrira a praza vacante da profesora especialista de inglés para que se manteñan as condicións do curso pasado e evitar o agrupamento de tres cursos de primaria. Xa entonces advertimos da gravidade do deterioro dun servizo público fundamental no noso Concello que prexudicará o noso futuro como pobo.

Cando todos sabíamos o que ía a pasar, vostede trasladaba que iso non era así, que ata setembro no se sabía nada, que manifestarse non valía para nada; e finalmente que os seus compañeiros de partido o enganaron. Coñecendo como ven actuando, non temos claro se o enganaron ou se máis ben se deixou enganar, non facendo nada e esperando que o tempo pase.

E agora ten que recoñecer que estaba equivocado, que os pais e nais tiñamos razón cando nos manifestábamos, pero non entendemos como dúas semanas despois de iniciarse o curso diga que aínda vai solicitar unha reunión co Conselleiro para trasladarlle a problemática. De verdade a día de hoxe o Conselleiro non coñece a situación? Como con todo, hai que ir empuxándoo para que reaccione, para que actúe. O mesmo ocorre coa situación do centro de saúde, tamén desde o PSOE trouxemos unha moción para solicitarlle que se cubra a vacante da médica que se xubilou, outro servizo fundamental no noso Concello deteriorado, e non sabemos se fixo algo a día de hoxe, se non o fixo, vaia pedindo tamén unha reunión co Conselleiro de Sanidade.

Polo exposto, o Grupo Municipal Socialista, presenta para o seu debate e posterior aprobación a seguinte  MOCIÓN

1º.- Esixirlle á Xunta de Galicia que proceda a reverter os recortes realizados en dous servizos fundamentais para o noso Concello: a Educación e a Sanidade e proceda de maneira urxente á cobertura das prazas vacantes: a da profesora especialista de inglés e a da médica xubilada.

Moción SOGAMA

O Grupo Municipal Socialista, en base ao disposto nos artigos 91.4 e 97.3 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das entidades locais e demais normativa que poida resultar de aplicación, presenta, diante do Pleno da Corporación esta MOCIÓN, en relación á suba do canón que os Concellos abonan a SOGAMA pola xestión de residuos e en base ás seguintes consideracións:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS.

A sociedade Xestora de residuos de Galicia SOGAMA que xestiona os residuos de 295 concellos galegos estableceu  en 2019 a bonificación do 10% no canon de lixo aos Concellos que se comprometeran a reducir o volume de lixo e envases lixeiros así coma a repercutir esta rebaixa nos recibos á veciñanza.

Desta proposta beneficiáronse os Concellos galegos que  reduciron a cantidade de lixo xerado cumprindo un dos principios fundamentais na xerarquía de residuos, polo tanto facendo ben os deberes medioambientais.

Na lei de acompañamento dos orzamentos 2023 coñecíamos a intención de SOGAMA de suprimir esta bonificación amparándose no aumento dos custos de luz e gas da súas instalacións, pero ante a resposta social e por parte dos concellos que esta medida ocasionou, finalmente o goberno galego tivo que recuar e substituíu esta medida pola bonificación do 15% condicionada esta vez especificamente á implantación do contedor marrón e ao traslado aos recibos da rebaixa.

No pasado mes de Xuño de 2024 SOGAMA anunciou a eliminación desta bonificación do canon para os meses que quedan de 2024.

A consecuencia disto dende o mes de Xullo a taxa de SOGAMA aos Concellos quedou fixada en 66 euros por tonelada suprimindo ademais a rebaixa do 15 % da que se beneficiaban 118 municipios pola implantación do contedor marrón.

Esta cantidade de 66 € calculouse facendo unha media cos 68,05 euros de xaneiro a xuño e os 88,05 euros estimados para a segunda metade do ano. 

A media serían 78 euros pero lle restan os 12 euros procedentes do fondo de cooperación local.

Neste momento o goberno galego está a aplicar esta suba a pesar do malestar existente nos concellos e anuncia novamente que no ano 2025 incrementará a cota que pasará dos 66 euros actuais a 108 € , o que vai ocasionar un gran impacto nas arcas municipais e en consecuencia tamén no recibo da veciñanza.

O motivo que alega a entidade para xustificar esta suba é o imposto estatal regulado na Lei 7/22, de 8 de abril, de Residuos y suelos contaminados que provoca uns sobrecustos imposibles de asumir, botando a culpa disto ao goberno de España.

A realidade é que esta lei ven regular un imposto que impón unha Directiva Europea do ano 2018 que grava a incineración e o depósito en vertedoiro por ser as formas medioambientalmente menos recomendables para a xestión de residuos e que na actualidade son as formas preferentes de SOGAMA (Incineración 60%; Vertedoiro 21%).

Isto obriga a SOGAMA ter que asumir o imposto pola súa obsoleta xestión e por non ter mudado en todo este tempo (dende o ano 2010) a forma de tratar os residuos.

Pero a pesar desta carga impositiva (cuxa recadación está transferida á Xunta de Galicia) nos orzamentos da Xunta 2024 se estima que a empresa terá uns beneficios anuais de aproximadamente 300.000 € polo que non é certo que sexa deficitaria.

A Xunta non está a cumprir as recomendacións europeas no referente á xestión de residuos e isto fai que esteamos moi lonxe de cumprir os obxectivos de redución e reciclaxe marcados.

Dende o grupo municipal socialista denunciamos esta situación e esiximos ao goberno galego que mude a súa política de xestión de residuos cara unha xestión descentralizada con plantas de proximidade; e primando a redución e a reciclaxe fronte á incineración e o depósito en vertedoiro, axudando economicamente aos concellos para a implantación do contedor marrón ou formas análogas de tratamento diferenciado dos residuos orgánicos.

E por suposto non grave aos concellos que levan dende o ano 2019 facendo os deberes cumprindo os compromisos medioambientais coa supresión do 15% da bonificación do canon. Nin utilice o fondo de cooperación local, cuxo obxecto é levar a cabo investimentos nos diferentes concellos, para compensar o gravame derivado da súa nefasta xestión.

Dende o grupo socialista mostramos a nosa oposición a esta decisión por entender que existen outros mecanismos que evitarían os sobrecustos que unha xestión obsoleta está a producir e a vía para asumilos non pode ser repercutilos na cidadanía.

Polo exposto, o Grupo Municipal Socialista, presenta para o seu debate e posterior aprobación a seguinte  MOCIÓN

A Corporación Municipal de Portomarín insta á Xunta de Galicia a:

1. Manter o canon establecido aos concellos galegos adscritos á xestión de residuos en Sogama de 66,00 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada, máis o incremento correspondente ao imposto sobre o valor engadido.

2. Manter a anterior bonificación do 15 % deste canon unitario, cos mesmos requisitos, resultando así un canon bonificado de 56,10 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada, máis o incremento correspondente ao imposto sobre o valor engadido.

3. Que se reparta a contía de 12.100.000 millóns de euros en concepto de Fondo Ambiental entre todos os concellos galegos, utilizando como criterio de reparto o número de toneladas depositadas por cada concello. Trátase de diñeiro que pertence ás entidades locais ao seren detraído do Fondo de Cooperación Local.

4-. Que achegue a SOGAMA a cantidade total recadada en concepto de imposto sobre o depósito de residuos en vertedoiros, a incineración e a coincineración de residuos para implementar bonificacións no canon dos concellos. Deste xeito, cumprir os obxectivos marcados coa creación deste tributo, como poden ser:

4.a. Promover a redución da produción de lixo e/ou incrementar a reciclaxe dos envases lixeiros.

4.b. Trasladar esta rebaixa aos recibos da veciñanza e implantar a recollida separada da materia orgánica.

4.c. Instaurar un programa de compostaxe domiciliario e/ou comunitario en concellos.

5. Incrementar as subvencións aos concellos para implantación de medidas que contribúan á reciclaxe dos biorresiduos, na medida en que boa parte dos pequenos concellos non dispoñen dos recursos para a implantación da recollida selectiva da fracción orgánica.

6. Que se constitúa unha comisión de traballo entre SOGAMA, as consellerías de Medio Ambiente e Facenda e a FEGAMP para determinar as condicións do canon para o ano 2025 -antes da aprobación do Proxecto de Orzamentos da Comunidade Autónoma para ese ano- e debater sobre o cambio de modelo de xestión de residuos en Galicia, incluíndo o debate sobre a fórmula que permita a cada concello, con independencia da súa dimensión, acceder á redución do canon aínda que non incorpore o quinto contedor, e valorando para a aplicación desa redución o compromiso de cada concello na aplicación da compostaxe individual ou comunitaria ou financiando modelos de xestión alternativos.

7. Ampliar as plantas de biorresiduos existentes como estaba previsto no Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2022 para favorecer a xestión de proximidade.

Moción Taxa Turística

O Grupo Municipal Socialista, en base ao disposto nos artigos 91.4 e 97.3 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das entidades locais e demais normativa que poida resultar de aplicación, presenta, diante do Pleno da Corporación esta MOCIÓN, en base ás seguintes consideracións:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS.

Hai uns días coñecíase que a Xunta de Galicia chegou a un acordo co Concello de Santiago de Compostela para implementar a taxa turística. Segundo se facía público, a Xunta de Galicia prevé que estea lista o un de xaneiro e que os Concellos que o desexen poidan implantala.

Considerando a cantidade de peregrinos e visitantes que pasan polo noso Concello sendo un dos municipios de Galicia con maior afluencia turística, o que supón un incremento considerable no custe de servizos que deben reforzarse na época de verán como a recollida de lixo, a limpeza viaria, o maior consumo no abastecemento de auga, a presión sobre os sumidoiros, etc; desde este Grupo Socialista consideramos que é fundamental que o Concello, unha vez aprobada a norma autonómica, faga a tramitación necesaria para a implementación da referida taxa, pois é preciso unha mellora na prestación dos servizos públicos derivada da presión turística e que non teñen por qué  sufragar os veciños e veciñas cos seus impostos.

Polo exposto, o Grupo Municipal Socialista, presenta para o seu debate e posterior aprobación a seguinte  MOCIÓN

1º.- Que visto que non vindeiros meses está previsto que a Xunte aprobe a normativa que permita implantar a taxa turística, o Concello vai realizando os trámites necesarios para poñer a taxa no noso Concello o que repercutirá en mellores servizos para os nosos veciños e veciñas.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario