A cuarta campaña de escavación rematou con novos e sorprendentes achados
Pouca información se tiña das campañas previas en Penas do Castelo na parroquia de Salcedo, A Pobra do Brollón, alén da existencia dun xacemento complexo, de tipoloxía pouco común e cunha muralla monumental. Foi precisamente nos traballos da muralla onde se puideron realizar, en 2022, datacións por radiocarbono que resultaron en torno ao século IX a.n.e, é dicir, da época en que se empezan a construír os primeiros castros.
Na presente campaña, desenvolta entre agosto e setembro, ampliouse unha pequena sondaxe previa no interior do xacemento na que aparecera todo un nivel de derrubo de palla-barro, e na que agromou algunha nova información.
Ao ampliar a sondaxe, comprobouse que dito nivel de pallabarro derrubado esténdese notablemente. Ao comezar a retirar ese nivel foi cando comezou a aparecer unha boa cantidade de fragmentos cerámicos nun gran estado de conservación. Ademais, nun dos cacharros aparecen grans de cereal por determinar e restos concrecionados nas paredes interiores do mesmo.
Os restos de sementes atopados, así como as concrecións e numerosos carbóns, serán estudados e analizados en laboratorio podendo fornecer datacións e outra información de interese para este momento de uso do xacemento.
Apareceu tamén unha serie de pedras colocadas de forma claramente intencional que configuran o que as arqueólogas interpretan como unha posible estrutura de almacenaxe de cereal. “A disposición das pedras recorda a doutros xacementos como Arxeriz e terían a función de levantar a estrutura illándoa da humidade”, comenta Nerea Vilariño, do equipo arqueolóxico.
Esta interpretación vese reforzada pola tipoloxía dos cacharros, que semellan de almacenaxe, e a existencia dos grans de cereal, aínda que non se descartan outros usos da estrutura, mesmo simultáneos. “Son interpretacións a pé de campo, agora precisamos tempo para analizar os datos” engade Vilariño.
Por outra banda, a campaña incluíu traballos de restauración na monumental muralla a cargo de Alba Losada, quen sinala que “puidemos estabilizar as estruturas mediante a técnica da pedra seca, documentando preto de 200 metros de muralla pola cara interna e externa”.
Ademais, durante a campaña, realizáronse actividades paralelas como a realización dunha charla ou un obradoiro de serigrafía. Tamén o xacemento foi incluído na rede de visitas guiadas do Concello da Pobra do Brollón, polo que pasaron máis dun centenar de persoas.
Neste sentido, está prevista para o próximo domingo 6 de outubro unha andaina ata o xacemento incluíndo visita guiada por parte das técnicas. A cita é ás 11:00 saíndo dende Salcedo, en concreto do Local Multiusos. Serán uns 4,5 km de dificultade baixa, aínda que a baixada ao propio xacemento si que fornece máis dificultade.
Os ditos traballos foron financiados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e contou coa colaboración do Concello da Pobra do Brollón e da Comunidade de Montes de Salcedo.
Esta actuación foi executada pola empresa ÁRBORE S. COOP. GALEGA, baixo a dirección do arqueólogo Benito Vilas Estévez, e contou cun orzamento de 17.774,90 € (IVE incluído).
Con esta nova actuación, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude leva investido no xacemento arqueolóxico de Penas do Castelo preto dos 70.000,00 € (en concreto 68.594,90 €) (IVE incluído) a través de 4 campañas arqueolóxicas desenvoltas entre os anos 2021 e 2024.