A profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Elena Arce Fariña, lidera, en representación da Universidade da Coruña, unha iniciativa de innovación docente que busca producir materiais e/ou recursos educativos contra o cambio climático no marco do movemento Maker e en colaboración co profesorado de primaria e secundaria que imparte as denominadas materias STEAM
A Sala de Xuntas do edificio da Vicerreitoría do Campus de Ferrol acolle, este xoves 26 e venres 27 de setembro, a segunda reunión de traballo presencial do Proxecto Europeo Erasmus+ Production of Prototypes with STEAM Content in Maker Workshops Against Climate Change (Eco-Maker), unha iniciativa de innovación docente que pretende producir materiais e/ou recursos educativos contra o cambio climático no marco do movemento Maker e en colaboración co profesorado de primaria e de secundaria que imparte as denominadas materias STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas).
O Agrupamento de Escolas de Mangualde de Portugal coordina un proxecto no que participa a Academia Internacional de Ciencia e Investigación de Reino Unido, o laboratorio FabLab Messina de Italia, o Centro de Formación Profesional BURSA/OSMANGAZI-Osmangazi, dependente do Ministerio de Educación Nacional de Turquía, a Universidade da Coruña de España, o centro educativo SP 50 Bialystok de Polonia, e o Centro de Formación EduForm de Portugal.
O Proxecto Europeo Erasmus+ Production of Prototypes with STEAM Content in Maker Workshops Against Climate Change (Eco-Maker) está cofinanciado pola Comisión Europea e conta cun orzamento total de 250.000 euros. A Universidade da Coruña dispón de 39.500 euros para elaborar o currículo do curso promovendo o interese e a excelencia nas áreas de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas baixo o liderado da profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Elena Arce Fariña.