A Federación Ciclismo Galego desvelou na presentación oficial da competición o circuíto no que se disputará o Campionato de Europa de
Pontevedra 2024, na Illa das Esculturas os días 1, 2 e 3 de novembro. A asistencia e entrada será libre, grazas ao compromiso do Concello de Pontevedra cos eventos do máis alto nivel.
O responsable técnico do Campionato de Europa, Alberto del Río, presentou ante as autoridades e deportistas o circuíto de CX Pontevedra. Mantendo a esencia do percorrido que se veu disputando nos
Campionatos de España celebrados na Illa das Esculturas, pero engadindo dureza e espectacularidade para a cita continental. En total, 3350 metros dun circuíto en sentido antihorario moi rápido, no que os ciclistas alcanzarán altas velocidades pero á vez deberán superar os obstáculos que presenta o circuíto.
«Realizamos modificacións a nivel visual, tratando de proxectar a imaxe de Pontevedra a toda Europa e garantir un espectáculo para o público e tamén para aqueles que sigan a proba por televisión»,
explico Alberto del Río. «Van construír tres pontes para pasos a diferente altura, un bancal de area xunto ao río Lérez que será unha das zonas máis espectaculares coa cidade de Pontevedra de fondo, e ramén taboleiros preto da zona de _boxes_, na campa principal. Todo iso dará dureza ao percorrido».
A liña de meta mantense no mesmo lugar habitual, fronte á facultade de Forestais da Universidade. O _box_ será simple, para permitir que a asistencia se realice sempre no lado dereito, pero haberá dúas zonas de _boxes_ situadas unha enfronte da outra, permitindo asistencia na parte inicial e final do circuíto. En canto aos obstáculos
artificiais, colocáronse tres pontes, dúas delas con paso superior e inferior e unha terceira xunto ao río que inclúe escaleira con máis de 10 chanzos. Seguramente o máis decisivo será na parte final, unha das ladeiras máis famosas do CX Pontevedra, que se prolonga cunha rampla a máis do 20% e esixirá ao máximo aos ciclistas xusto antes de
meta.
«É un circuíto con moitas zonas de terra, que aínda que a meteoroloxía sexa adversa non debería condicionar especialmente a creación de zonas moi complicadas de barro, aínda que polas datas é moi posible que o terreo estea húmido e brando», engadía o técnico.
«Teremos pantallas colocadas en todo o circuíto para poder seguir o _streaming_ e o sinal de televisión de todas as probas. É a mellor garantía de que o público poida repartirse e moverse, para ver cos seus propios ollos as zonas máis espectaculares e non perderse o desenvolvemento da carreira a través das imaxes de televisión». As
pontes naturais sobre o río Lérez garanten momentos inesquecibles na pelexa polos novos campións de Europa de ciclocrós.