Galicia lidera o fomento do castiñeiro en España en termos de superficie cultivada e calidade dos produtos asociados

por Redacción Galicia

Galicia lidera o fomento do castiñeiro en España, tanto en termos de superficie cultivada como de loita contra enfermidades e pragas e de calidade dos produtos asociados, especialmente a castaña, un recurso cun valor crecente no mercado. Así o destacou esta mañá o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, en resposta a unha pregunta sobre este asunto na Comisión 7ª do Parlamento.

Na súa intervención, o director xeral avogou pola “xestión forestal activa e adaptativa” de toda esta riqueza para afrontar o cambio climático, e reiterou que a Xunta está comprometida co desenvolvemento do castiñeiro como un recurso estratéxico para Galicia. Puxo ademais en valor o importante papel que desempeñan neste sentido os propietarios forestais.

semade, José Luis Chan debullou as diferentes iniciativas levadas a cabo pola Consellería do Medio Rural neste eido e enmarcadas no Plan Forestal de Galicia e, máis concretamente, no Programa Estratéxico do Castiñeiro e da Produción de Castaña. Así, sinalou que entre estas accións destacan a recuperación de plantacións de castaño para froito, a restauración de soutos tradicionais, a promoción da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia e o apoio a novos proxectos empresariais relacionados co castiñeiro.

Xestión conxunta dos soutos

En particular, o director xeral fixo referencia ao Plan piloto de fomento da xestión conxunta dos soutos, que se está levando a cabo en diversas localizacións estratéxicas nas provincias de Lugo e Ourense, nunha superficie que supera as 300 hectáreas. Neste sentido, puxo en valor o feito de que xa se acadara o recoñecemento e rexistro das cinco primeiras agrupacións forestais de xestión conxunta vinculadas aos soutos.

Ademais, Chan salientou os esforzos da Xunta na defensa fitosanitaria fronte á avespiña ou ao chancro -cun investimento de sete millóns de euros nos últimos anos en materia de sanidade forestal- e puxo de relevo as diferentes liñas de axudas destinadas a apoiar tanto as novas plantacións de castiñeiro como a rexeneración dos soutos tradicionais. Así, entre outras cifras, lembrou que no 2023 aprobáronse achegas cunha dotación total de case un millón de euros con esta finalidade, abranguendo unha superficie de 245 hectáreas e permitindo a plantación duns 20.800 castiñeiros. Neste ano, engadiu Chan, publicouse unha segunda convocatoria, que permitirá actuar noutras 300 hectáreas.

Plan Estratéxico da Limia

Pola súa parte, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, explicou -en resposta a outra pregunta- que o investimento total da Xunta entre os anos 2020 e 2024 ao abeiro do Plan Estratéxico da Limia sitúase nos 11,5 millóns de euros. Estes fondos destináronse a regadíos, reestruturación e concentración parcelaria, infraestruturas rurais, rehabilitación de camiños e polígonos agroforestais. A esta cantidade, engadiu, cómpre sumar as axudas e investimentos para apoiar o sector empresarial e tecido asociativo da bisbarra ourensá en 59 iniciativas, por importe de preto de dous millóns de euros.

Consonte estas cifras, a directora xeral definiu como “total e absoluto” o apoio e compromiso do Goberno galego coa Limia. Trátase, sinalou, de acadar un sector agrario sustentable no eido económico, social e ambiental, así como comprometido coa calidade do produto que elabora e co medio no que produce. Tamén, con capacidade de innovación e de adaptación ás demandas sociais de cada momento, ben formado e que basee a toma de decisións na análise de datos e no manexo de ferramentas dixitais. O obxectivo último, indicou Rodríguez, é reorientar a produción agraria da comarca da Limia cara a un modelo máis sostible, reducindo a contaminación de augas e solos.

Por iso, insistiu a directora xeral, o Plan Estratéxico da Limia está en marcha con medidas concretas como a construción de 40 pozos para a captación de augas subterráneas e o financiamento dos grupos de bombeo e instalacións inherentes. Ademais, Rodríguez trasladou que se está a tramitar un proxecto de actuacións de mellora da capacidade hidráulica das canles de evacuación e drenaxe da comarca.

Ao tempo, a directora xeral salientou os investimentos na mellora das infraestruturas viarias rurais da comarca, mediante a reparación de diversos camiños repartidos en 12 concellos, e avanzou que tamén se está elaborando unha análise da implantación de novos cultivos agrícolas na zona, co obxectivo de aumentar a súa produción.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario