O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, participou este sábado na festa da colleita que organizou a Deputación para os usuarios e usuarias dos hortos urbanos do Rato. A cita, que se celebrou a carón destes espazos que son propiedade da institución provincial e na que participaron preto dun centenar de persoas, consistiu nunha comida na que degustaron os produtos cultivados.
Miguel Fernández puxo en valor este tipo de encontros, que co obxectivo de dinamizar os hortos, pretenden tamén poñer en contacto ás persoas usuarias para crear comunidade, favorecer o intercambio de coñecementos e fomentar a axuda entre elas.
A Deputación de Lugo conta cun total de 150 hortos urbanos no paseo lucense do Rato co obxectivo de fomentar a agricultura ecolóxica, a concienciación ambiental e o lecer saudable. O uso destes espazos concédese á cidadanía de forma gratuíta seguindo criterios sociais, priorizando a persoas en desemprego, con rendas baixas, familias numerosas ou xubiladas, os colectivos sen ánimo de lucro e representantes de centros educativos. Os beneficiarios destes espazos contan tamén cun servizo de mantemento e asesoría gratuítos, así como cursos de formación, que a Deputación de Lugo pon á súa disposición.