40 saharauís atrapados no aeroporto Adolfo Suárez Barajas de Madrid aos que o goberno español lles denegou asilo, polo que corren o risco de ser deportados a Marrocos. Esta situación fixo saltar a alarma no BNG, xa que un Estado membro da UE está a piques de vulnerar os dereitos humanos dos solicitantes e envialos a un país que os oprime.
Coñecedora da situación, a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, desprazouse ata o aeroporto Adolfo Suárez Barajas, antes de embarcar a México, para coñecer máis sobre a situación dos solicitantes de asilo e trasladarlles o apoio do BNG. “Negarlle asilo a estas persoas é condenalas a unha situación terrible se son devoltas a Marrocos. A UE ten que defender os dereitos humanos, incluídos os dos solicitantes de asilo, e protexelos da opresión de réximes non democráticos”, explica Ana Miranda.
Algunhas das persoas atrapadas en Madrid son familiares de refuxiados saharauís que xa obtiveron o dereito de asilo noutros países da UE. Segundo os datos publicados en diferentes medios,, entre as vítimas figura a filla de Aaicha El Talbe, cuxo dereito de asilo foi recoñecido por Francia. Mentres, o Estado español denegouna, aínda que aportou a mesma documentación. Os países membros da UE deben actuar de forma coordinada para recibir aos refuxiados saharauís e desenvolver normas de protección dos dereitos humanos que cumpren todos os países.