A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de aprobar a exención ao Concello de Burela do pago do 100 % da taxa de ocupación de dominio público portuario pola caseta de información e turismo municipal, instalada en terreo portuario. Así consta na resolución do ente público trasladada á administración local.
Dita exención baséase no artigo 40 da Lei de taxas portuarias, que recolle a posibilidade de bonificar ao 100 % a chamada taxa TODP ás corporacións locais cando desenvolvan actividades que sexan encadradas entre as súas finalidades públicas e estas non sexan obxecto de explotación económica.
Segundo se indica nas condicións xerais da concesión outorgada por Portos de Galicia para a instalación da caseta de información turística no porto de Burela, a liquidación das taxas realízase por semestres adiantados e as bonificacións poden aplicarse desde o inicio da concesión, como é o caso.