Os socialistas recordan no Senado que «cando gobernaba o PP, nin había AVE nin se modernizaba a rede ferroviaria como se vén facendo dende o 2018

por 21 Noticias

O senador lucense César Mogo defendeu esta tarde na Comisión de Transportes da Cámara Alta que dende a chegada dos socialistas ao Goberno no 2018 os servizos ferroviarios dos que se benefician as galegas e os galegos experimentaron unha mellora máis que significativa. Fronte á “ofensiva para desacreditar a obra pública” que está desenvolvendo o PP, coa que “de paso” tamén agocha a “parálise absoluta” da etapa de Rajoy na presidencia do Goberno, Mogo enumerou fitos coma a posta en marcha de 400 quilómetros de alta velocidade, o paso de 84 a 106 servizos semanais, a entrada en servizo de trens AVE de ancho variable, o avance das obras da liña Ourense-Lugo e a inminente conclusión da estación intermodal da capital luguesa, o vindeiro ano. “É difícil facer máis en menos tempo”, afirmou.

O parlamentario do PSdeG asegurou que o Goberno é “consciente” das incidencias que se producen no ferrocarril e que está traballando nas solucións, ao tempo que pediu desculpas aos usuarios e usuarias que se poidan ver afectados polo despregamento de novas infraestruturas, equipos e servizos. “Onde non os había non podía haber incidencias”, subliñou en referencia, entre outros prexuízos que causaron os populares ao transporte ferroviario, aos “50 meses de bloqueo das obras para a chegada da alta velocidade a Galicia”.

César Mogo lamentou que os populares “disparen contra todo o que se move, precisamente porque non queren que se mova nada”, e recomendoulles aos senadores do PP de Lugo que fagan compatible a “pulsión de pedir todo o que non fixeron no goberno” con informarse e actualizarse. Tamén lles recordou que Feijoo marchou de Galicia sen cumprir a promesa de que financiaría dende a Xunta a chegada do AVE a Lugo e, “por se fose pouco”, nos 7 anos de Goberno de Rajoy nunca se incluíu nos Presupostos do Estado o AVE á capital lucense. “Que o PP o pida agora para mañá “só é un intento de ocultar os investimentos do Goberno socialista en Lugo”, reprochou.

“Xogan ao catastrofismo con algo tan serio coma o transporte público”, criticou, e lembroulles que os trens Avant van chegar a Lugo, que xa se licitou o estudo para a mellora do ferrocarril Lugo-Santiago, que próximamente tamén se iniciará o procedemento para a implantación das cercanías en Galicia e que xa se adquiriron 38 trens de ancho métrico e 60 unidades rexionales, e tamén explicou que se incrementaron nun 74 % o número de prazas den Galicia. Todo elo supón “un esforzo moi importante” para superar o atraso histórico do ferrocarril en Galcia, “que se acusou especialmente cando o Partido Popular gobernaba España”.

“Preguntámonos a que PP facerlle caso, se ao de Lugo, que vive no catastrofismo e xoga á demagoxia, ou ao de Galicia, con Rueda felicitándose de que o Goberno vaia investir 4.500 millóns de euros no corredor Atlántico, dixo Mogo sobre uns fondos que son “cruciais” para o tráfico de mercadorías “e invitan á colaboración entre administracións para o desenvolvemento ferroviario”.

Por iso, invitou aos senadores populares a “non enganar” anunciando a “a todo o trapo” o que non ían facer, en referencia ao compromiso que adquiriron o 24 de maio, cando aseguraron que solicitarían a comparecencia do ministro de Transportes para falar das infraestruturas lucenses. Pero catro meses despois “non o fixeron”. É máis, cando o propio ministro compareceu o 23 de agosto, non falou ningún senador de Lugo, “e o único que falou de ferrocarril na provincia foi Óscar Puente”. “Máis seriedade e menos inventiva”, reclamou César Mogo.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario