Unha vez rematado o prazo para presentar candidaturas a encabezar a delegación, a única presentada, a d0 secretario xeral do PSdeG Provincial da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, será a encargada de liderar a lista provincial de delegados no congreso. Agora terá lugar o proceso de recollida de avais, tras o que se presentará a lista completa.
“É un orgullo poder encabezar esta delegación nun congreso no que, ademais de elexir a secretaría xeral do Partido Socialista, debatiremos e poremos en común a nosa visión da sociedade e do noso país”, sinala Fernández Piñeiro.
O socialista destaca que a cita servirá para determinar “que mecanismos debe de adoptar a organización e que cambios ten que facer para ir adaptándose ás novas realidades e ás necesidades da cidadanía deste país e da provincia da Coruña”.
“Será unha lista representativa de toda a provincia, tendo en conta a todas as comarcas, e fará valer os seus intereses na organización e no Goberno de España, obstentado polo noso partido”, afirma Fernández Piñeiro.
“Será unha gran oportunidade para propoñer medidas encamiñadas a mellorar a calidade de vida de todas as persoas que temos a fortuna de vivir nesta provincia, polo que estamos moi ledos e ledas de acudir ao congreso”, conclúe.