Mariña Gueimunde traslada ao delegado da Xunta inquietudes e necesidades de Viveiro co obxectivo de “captar investimentos”

por Redacción Lugo

A portavoz do PP engade que «tamén reclamaremos que se cumpran as iniciativas recollidas no acordo programático entre o PSOE e XViveiro»

A portavoz do PP de Viveiro, Mariña Gueimunde, reuniuse co delegado territorial da Xunta, Javier Arias, para trasladarlle diversas inquietudes relacionadas co municipio que garden relación coa administración autonómica para que “a Xunta as teña en conta á hora de elaborar os orzamentos das vindeiras anualidades”.

Atendendo ao seu compromiso de defender os intereses de Viveiro e os viveirenses, a popular pon en coñecemento dos representantes do Goberno galego necesidades dos veciños e veciñas co obxectivo de “captar investimentos para o municipio” ante a “falta de avances por parte dun goberno municipal bicéfalo e paralizado que sume a Viveiro nunha situación económica dramática e nunha perda de servizos aos veciños e de prestixio na imaxe do Concello”.

De cara á “confección do proxecto do Partido Popular para o concello”, Gueimunde solicita formalmente á Xunta apoio para as propostas que recollía no programa electoral co que se presentaron ás pasadas municipais nas que lograron situarse como a forza máis votada.

RECLAMAN O CUMPRIMENTO DO ACORDO PSOE-XVIVEIRO

Así mesmo, asegura que “reclamaremos que se cumpran as iniciativas recollidas no acordo programático entre o PSOE e XViveiro” porque “foron promesas feitas aos viveirenses á hora de investir alcaldesa á señora Loureiro”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario