Patricia Iglesias alerta de que a contratación menor supón o 40 por cento de tódolos contratos da Xunta, máis de 800 millóns de euros “que se moven no ámbito da pura decisión política discrecional”.
A portavoz de Calidade Democrática e Transparencia do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, esixiulle hoxe ao goberno galego un compromiso coa rexeneración democrática impoñendo unha política “máis transparente, máis limpa, honesta e propositiva”. Iglesias presentou unha pregunta oral en Comisión na que alertou do abuso da contratación menor “a dedo” e da falla de transparencia por parte da Xunta.
Iglesias reclamoulle ao goberno galego que comece a dar pasos para mellorar a transparencia dos contratos menores, que actualmente representan preto do 40 por cento de toda a contratación da administración autonómica e moven 800 millóns de euros cada ano, segundo o portal de transparencia. Alertou de que estes contratos “móvense no ámbito da pura decisión política discrecional”.
Lembrou que o propio Consello de Contas ten alertado, no informe de maio de 2023, dos abusos dos contratos a dedo ou do troceamento de contratos, por debaixo dos 15.000 euros no caso dos servizos, para eludir o concurso público que, segundo apuntilla Iglesias, “son un bo cando de cultivo para favorecer o “clientelismo de amiguetes”. Reclamoulle que sigan as recomendacións de Contas, que reclama sistemas de autocontrol fronte ás irregularidades, fraudes ou corrupción.
Patricia Iglesias reclamou ao goberno galego que tome medidas urxentes para mellorar a calidade democrática na contratación por parte do goberno logo do suspenso rotundo que vén de recabar no exame da UE sobre calidade e transparencia. O noveno Informe de Cohesión Económica, Social e Territorial da UE, publicado hai escasos meses, sitúa a Galicia no grupo de comunidades autónomas coa peor valoración sobre a súa calidade de goberno.
Sinala que Galicia non é quen de situarse por riba da media en ningunha das valoracións do Índice Europeo de Calidade de goberno, que avalía a imparcialidade, eficiencia e ausencia de corrupción. Apunta que malia que os cidadáns valoren máis positivamente a calidade dos servizos públicos, amosan percepcións e experiencias máis negativas respecto da corrupción e a imparcialidade do Executivo autonómico.
Propostas
Iglesias emprazou ao goberno galego a tomar medidas “decididas e valentes” seguindo as recomendacións do Consello de Contas, que permitan avanzar en materia de integridade e na regulación efectiva dos conflitos de intereses e dos lobbies ou grupos de interese. Propuxo a creación da Comisión centralizada de Integridade, actualizar o Código Ético, actualizar a Lei de Transparencia e bo Goberno.
Reclamou elaborar e executar plans de prevención da corrupción eficaces e que “deixen de ser papel mollado”. En definitiva, lembrou a aposta do líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, polo fortalecemento das institucións e o pulo por unha política máis transparente, limpa, honesta e propositiva ao servizo do interese xeral.