A eurodeputada do BNG cualifica, desde a audiencia do Tribunal de Xustiza da UE, de “histórica” a sentenza que dá a razón ao Fronte Polisario.
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, considera una boa nova para o Pobo Saharaui a anulación, por parte do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) os acordos comerciais de 2019 entre a UE e Marrocos en materia de pesca e de produtos agrícolas. Neste sentido, a eurodeputada galega destaca que con esta decisión “ábrese unha nova etapa para o Pobo Saharaui, unha nova etapa para as relacións europeas e galegas na que debe primar a xustiza e o respecto dos dereitos humanos”.
“Era de xustiza que se recoñecera que o pobo do Sáhara Occidental non deu o seu consentimento e que os acordos se celebraron vulnerando o principio de autodeterminación”, manifestou Ana Miranda, quen asistiu esta mañá á audiencia da corte 3 no Tribunal de Xustiza Europeo de Luxemburgo, onde se trataban os recursos do Fronte Polisario sobre os acordos comerciais de pesca e agricultura entre a Unión Europea e Marrocos.
En nome do BNG, Miranda valora moi positivamente esta “sentenza histórica” que dá a razón ao Fronte Polisario, xa que recoñece que a Unión Europea non consultou ao lexítimo dono, o Pobo Saharauí, na negociación destes acordos polo que vulneran a autodeterminación. “Esta histórica sentenza ten ademais outro elemento fundamental, que é que un tribunal europeo colle un argumento dun movemento de liberación popular baseado no dereito de autodeterminación e anula un acordo comercial”, subliña.
Vitoria xusta
«Trátase dun vitoria moi xusta para o Pobo Saharauí que leva anos loitando, pois esta sentencia confirma o que o BNG leva denunciando continuamente, que estes acordos eran ilegais e só se tiña en conta o interese de Marrocos e non o do lexítimo dono das augas do Sahara Occidental”, explica a eurodeputada galega, quen lembra que a vixencia do acordo pesqueiro rematou en 2023.
De feito a propia Corte de Xustiza declara que “O Tribunal de Xustiza observa, á luz da súa xurisprudencia 6 e sobre a base dos principios do dereito á autodeterminación e do efecto relativo dos tratados, que a aplicación dun acordo internacional entre a Unión e Marrocos no territorio do Sáhara Occidental, como se prevé nos Acordos controvertidos, debe obter o consentimento do Pobo dl Sáhara Occidental. Pois ben, ese consentimento non existe nos presentes asuntos”.