Corgos advirte dos prexuízos para Galicia da xeneralización do sistema de concerto, tal e como alertan os expertos

por Redacción Galicia

O conselleiro de Facenda e Administración Pública salienta as conclusións dun informe técnico presentado polo Foro Económico de Galicia que incide nas perdas económicas para a Comunidade galega da extensión das cotas por territorio

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, volveu advertir dos prexuízos para Galicia da xeneralización do sistema de concerto, tal e como alertan os expertos nun informe técnico presentado polo Foro Económico de Galicia que incide nas perdas económicas para a Comunidade galega da extensión das cotas por territorio.

O conselleiro de Facenda asistiu ao foro El mercado único y la competitividad europea, dentro das actividades da VI Edición Foro La Toja, onde recalcou que as cifras do informe Sobre o Impacto Económico para Galicia da Extensión dos Sistemas de Concerto elaborado por expertos do Foro Económico de Galicia avalan os cálculos feitos polo seu propio departamento. Deste xeito, a saída de Cataluña do Réxime común suporía que Galicia vería reducidas as transferencias ordinarias en 634M€, mentres que a xeneralización deste sistema a toda España suporía para Galicia perder máis de 2.100M€ ao ano.

Logo de lamentar que en Galicia haxa grupos políticos que defendan a aplicación dun sistema de concerto para a Comunidade diante destas cifras, o responsable da Facenda galega insistiu en que o SFA debe ser negociado de xeito multilateral con todas as CC.AA. no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira, evitando todo tipo de acordos bilaterais e que terá que achegar a Galicia máis recursos para contar con maior capacidade financeira, atendendo aos custes diferenciais que ten a Comunidade en temas como a dispersión ou o envellecemento.

“Apostamos por que o sistema recoñeza esa diferenza de custos, ademais de que se acheguen máis recursos, porque a diferencia entre o financiamento global das comunidades e a recadación tributaria global tamén é cada vez maior. As políticas públicas autonómicas: sanidade, educación e política social, crecen a un ritmo máis elevado de custo que o resto das políticas públicas”, precisou, incidindo na necesidade dun reparto equitativo entre todas as CC.AA, marcando unhas regras de convivencia de financiamento que garantan que todos os españois teñen acceso aos mesmos servizos en condicións de igualdade, independentemente de onde residan. 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario