O Concello da Laracha organiza unha nova edición do Outono de contos

por 21 Noticias

A principal novidade será o contacontos para o público adulto.

Co triplo obxectivo de ofrecer, especialmente ao público infantil e familiar, unha alternativa divertida para o seu tempo de ocio, favorecer a conciliación da vida persoal e laboral dos seus pais e, como aspecto central, crear nos máis pequenos un achegamento á literatura infantil e aos hábitos de lectura.

Outono de contos constará de sete funcións a realizar nos tres núcleos urbanos do municipio, coa novidade de que unha delas irá dirixida ao público adulto.

O programa ábrese o venres día 11 de outubro ás 18:00 horas na biblioteca da Laracha con A bibliotecaria estrafalaria 2.0!, un espectáculo de narración oral a cargo de Cris de Caldas dirixido a maiores de 4 anos de idade.

O venres seguinte, día 18 de outubro, tamén ás 18:00 horas na biblioteca de Paiosaco será a quenda para Paula Carballeira cos seus Contos de sapos, bruxas e curuxas, do mesmo xeito que o anterior espectáculo dirixido a maiores de 4 anos.

Nesa mesma data, pero ás 21:00 horas e na Casa da Cultura da Laracha, teremos a principal novidade da edición deste ano co espectáculo de narración oral e musical Tralalareira, a cargo de Vero Rilo co acompañamento de Santi Ribeiro ao acordeón e dirixido ao público adulto.

O domingo 20 de outubro ás 12:00 horas chegará Caxoto á biblioteca da Laracha con Levántate Xan!, contacontos dirixido a bebés que está cheo de animais, pequenas historias e cancións para recrear o día a día dunha granxa.

O Centro Sociocomunitario de Caión acollerá o domingo 27 desde as 17:00 horas Cuentos de maleta, un contacontos dirixido a maiores de 3 anos de idade. Neste caso para poder asistir requírese inscrición previa, que é gratuíta, vía telefónica no 981605001 ou enviando un correo electrónico cos datos persoais a turismo@alaracha.gal.

O broche final ao Outono de contos será posto polos Bolechas, que chegarán o 9 de novembro á Casa da Cultura da Laracha a partir das 19:30 horas co seu espectáculo para o público familiar Os Bolechas tocan nunha grande orquestra.

Este programa municipal é organizado polo Concello coa colaboración da Secreataría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia no marco do programa de dinamización da lectura Ler conta moito para a Rede de Bibliotecas de Galicia, e tamén do programa Dinamiz-ARTj do Instituto Para la Transición Justa.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario