O alcalde de Poio ocupará o lugar do rexedor do Incio, que deixa o órgano supramunicipal para “atender ao máximo todas as responsabilidades” despois de tomar posesión en verán como deputado provincial de Lugo.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, relevará ao rexedor do Incio, Héctor Corujo, como principal representante do Partido Popular de Galicia na Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
Así, Moldes pasará a ser o voceiro do PPdeG e o vicepresidente primeiro —cargos que ocupaba Corujo— no órgano supramunicipal, e polo tanto o rexedor de Poio continuará formando parte tanto da Comisión Executiva como do Consello Federal, onde xa se integrou no inicio da presente lexislatura (2023-2027).
Héctor Corujo deixa a Fegamp —tamén a Comisión Executiva e o Consello Federal— “co fin de non acumular cargos e para poder atender o máximo posible todas as súas responsabilidades” despois de tomar posesión o pasado verán como deputado provincial en Lugo.
Pola súa parte, Ángel Moldes mantén o compromiso “incuestionable” do PPdeG, co presidente Alfonso Rueda á cabeza, cos 313 concellos de Galicia.