Deputación de Ourense e Federación Española de Baloncesto traen ao Paco Paz un partido clasificatorio da selección masculina para o Eurobasket de 2025

por Redacción Deportes

A selección regresa a Ourense dezaseis anos despois, logo de xogar na cidade dous amigables no verán de 2008 para preparar os Xogos Olímpicos de Pekín

A Deputación de Ourense e a Federación Española de Baloncesto traerán ao Pazo dos Deportes Paco Paz, o próximo 25 de novembro, un dos partidos clasificatorios para o Eurobasket de 2025, que a selección absoluta masculina disputará contra Eslovaquia.

A selección regresa a Ourense dezaseis anos despois, logo de xogar na cidade dous amigables no verán de 2008 para preparar os Xogos Olímpicos de Pekín. Despois de disputar 5 partidos amigables, este será o primeiro partido oficial que España xogue en Ourense

No Paco Paz, o equipo dirixido por Sergio Scariolo pechará a ventá FIBA de novembro (fase clasificatoria), logo de xogar antes en Bratislava o día 22. Dous importantes partidos  para lograr a clasificación e asegurarse a defensa do título de campións de Europa.

A selección nacional chega á ventá de novembro co obxectivo de estrear o marcador de vitorias na fase de clasificación para o Eurobasket de 2025. O dobre duelo ante Eslovaquia supón a primeira oportunidade para clasificarse de forma matemática. Para lograr este obxectivo, España xogará o segundo partido desta fase ao calor da afección de Ourense.

O primeiro partido da selección española contra Eslovaquia será en Bratislava, o 22 de novembro.

A selección masculina, actual campioa de Europa, figura no Grupo C, xunto a Bélxica, Eslovaquia e Letonia. Ademais de Letonia, xa clasificada como anfitrioa, clasificaranse para o Eurobasket as dúas primeiras seleccións do grupo. A terceira e última ventá será en febreiro de 2025. España xogará entón ante Letonia, o día 20, e ante Bélxica o día 23.

As entradas para o partido que se disputará no Pazo dos Deportes Paco Paz xa se poden adquirir en https://www.feb.es/entradas.aspx

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario