Deputación da Coruña e Xacobeo inauguran en Finchale (Reino Unido) a mouteira que marca o “quilómetro cero” do Camiño Inglés

por Redacción A Coruña

O sinal pétreo está situado no entorno da Abadía de Finchale, a 1.400 quilómetros da Catedral de Santiago, punto de partida do Camiño Inglés cuxas orixes se remontan ao século XI

A Deputación da Coruña participou onte no acto oficial de inauguración da primeira mouteira xacobea do Camiño Inglés en territorio británico.

A 1.400 quilómetros de Santiago de Compostela, no entorno da antiga abadía de Finchale St Godric, desde a que partiron no século XI as primeiras peregrinacións xacobeas a Galicia desde terras inglesas, eríxese desde onte unha mouteira de pedra coa cuncha e a frecha amarelas que indican o «quilómetro cero» do Camiño Inglés, a ruta xacobea que comeza en territorio británico e atravesa o mar para chegar aos portos da Coruña e Ferrol, desde onde os peregrinos se dirixen a pé ata a catedral de Santiago.

No acto participaron o deputado provincial Bernardo Fernández, portavoz do Goberno da Deputación da Coruña, Antonio Leira, deputado provincial responsable da promoción do Camiño Inglés, Ildefonso De La Campa, director xerente do Xacobeo, e Manuel Mirás, presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés; xunto a destacadas autoridades locais como a Lord Liutenant (representante persoal do rei de Inglaterra en Durham), Susan Snowdon; a alcaldesa da cidade de Durham, Liz Brown, a presidenta e vicepresidenta do Consello do Condado de Durham, Amanda Hopegood e Patricia Jopling, o canónigo chanceler da catedral de Durham, Charlie Allen, e o representante da Asociación de Amigos do Camiño de Finchale, Keith Taylor, entre outros.

Unha ruta que conecta dous países ao longo dos séculos

Bernardo Fernández destacou que «hoxe é un día moi importante para a provincia da Coruña, para Galicia, para o condado de Durham e para o Reino Unido, xa que coa inauguración desta mouteira xacobea na abadía de Finchale, quilómetro cero Camiño Inglés, visibilizamos un legado cultural, patrimonial e espiritual común, que resalta o valor excepcional dunha ruta histórica que conecta aos nosos respectivos países ao longo dos séculos», afirmou o deputado.

Na súa intervención, Fernández lembrou que a Deputación da Coruña vén impulsando dende hai anos, tanto en Galicia como no Reino Unido, a recuperación, sinalización e posta en valor do Camiño Inglés, «unha ruta xacobea referenciada historicamente desde o século XI, cun elemento singular e determinante, como é o feito de combinar itinerarios marítimos e terrestres».

«Este é o resultado dun traballo conxunto que desde 2017 implica a diversas administracións e entidades: a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, o Condado de Durham e a Asociación de Amigos do Camiño de Finchale. Unha colaboración que está a supor un enorme impulso para recuperar o Camiño Inglés que xa está a dar os seus froitos, pois desde hai varios anos esta é a ruta xacobea que máis crece en número de peregrinos, e cada ano son máis os procedentes de terras británicas, onde o Camiño é cada vez máis popular», sinalou Bernardo Fernández.

A representante do monarca británico en Durham, Susan Snowdon, destacou as orixes e a longa historia do Camiño e resaltou a importante repercusión cultural e económica que hoxe ten no territorio, destacando o traballo conxunto das autoridades galegas e británicas na última década para recuperar este itinerario xacobeo.

Aínda que outras cidades británicas como Glasgow contan con mouteiras que sinalan os camiños xacobeos, esta é a primeira que se instala no Camiño Inglés e supón un fito importante ao marcar o inicio histórico da ruta, na abadía de Finchale.

O programa da viaxe inclúe durante os vindeiros días a participación da delegación galega noutras actividades relacionadas co Camiño Inglés, entre elas a sinatura dun novo acordo de colaboración entre a Deputación da Coruña e o organismo de promoción tursitica Visit Durham para a promoción conxunta do mesmo en ambos os dous países ou visitas á catedral de Durham e á Spanish Gallery, na pequena vila de Bishop Auckland, que conta cunha das coleccións de pinturas do Século de Ouro español máis importantes fóra de España da que forman parte obras de arte de El Greco, Murillo, Zurbarán e Velázquez, entre outros.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario