A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, no marco do Proxecto Fluviatilis, continúa coas actividades de xestión e control da flora exótica invasora a través dunha nova xornada de voluntariado ambiental.
Nesta ocasión, ADEGA desprázase ao río Limia, ao seu paso por Rairiz de Veiga. A xornada desenvolverase en xornada de mañá este xoves, 10 de outubro, e nela farase un inventariado e eliminación de Ludwigia grandiflora e outras especies invasoras xunto con dous grupos de ciclo medio e superior do IES Cidade de Antioquía.
O LIC Río Limia é unha das áreas de actuación propostas por ADEGA para levar a cabo actuacións de control da flora exótica invasora mediante xornadas de voluntariado. A actividade tamén estará dirixida a establecer un marco operativo e seleccionar as metodoloxías axeitadas que permitan abordar con éxito futuras actuacións de eliminación, restauración fluvial e implantación de solucións baseadas na natureza.
Proxecto Fluviatilis
As actividades, tanto de xestión e control das EEI como de educación, sensibilización e voluntariado ambiental dirixidas a distintos públicos, son unha das propostas do proxecto Fluviatilis, que conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
O obxectivo final deste proxecto é dar a coñecer os problemas ambientais que ameazan os ecosistemas fluviais e facilitar a participación da cidadanía na súa xestión mediante accións de voluntariado ambiental, para promover actitudes e comportamentos que redunden nunha mellora dos ríos.
A xornada terá o seguinte programa e contidos:
9.20 Presentación e recepción
9.30 Desprazamento á zona de traballo no río Limia
9.45 Introdución ao problema das especies exóticas invasoras
10.15 Inventario de Ludwigia grandiflora e outras especies invasoras
11.00 Eliminación de Ludwigia grandiflora
12.15 Recollida e valoración da xornada
12.30 Peche da xornada