José Manuel Gómez Puente afirma que «nós nunca defendemos unha suba impositiva, todo o contrario, somos os primeiros que esiximos que o Goberno do Estado ten que eliminar as novas taxas que afectan ao tratamento de residuos»
Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Barreiros esixen ao equipo de goberno de Barreiros, BNG e PSOE, “que deixen de manipular” e defendan aos seis veciños “reclamando ao Goberno central a supresión das novas taxas que afectan ao tratamento de residuos”.
O voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, afirma que tanto BNG como PSOE están a “tentar enganar aos veciños de Barreiros” coas súas declaracións e coa súa forma de terxiversar. “Dende o PP nunca defendemos unha suba impositiva, todo o contrario, pedimos unha baixada das taxas da basura pedindo que o Goberno central suprima as novas taxas e impostos creados recentemente”, expuxo.
Os concelleiros populares explican que é necesario que o Goberno do Estado dea marcha atrás e suprima todos os impostos que gravan a actividade do tratamento de residuos e que recupere a retribución ao investimento da planta termoeléctrica de Sogama, ao que tiña dereito ato o final da súa vida útil (2026).
“Cando o Goberno de Pedro Sánchez retire esas novas cargas impositivas é cando hai que pedir a Sogama que se comprometa a non aplicar a suba prevista para 2025”, explicou José Manuel Gómez Puente.
A realidade é que a través dunha orde ministerial, publicada a mediados de 2023, o Goberno central suprimiu a retribución ao investimento da planta termoeléctrica de Sogama, comprometida ata o ano 2026, momento no que finalizaría a súa vida útil, ademais de recuperar o imposto eléctrico do 7%.
Unha medida aplicada polo Goberno de Pedro Sánchez, pese a que dende o propio Estado e o partido socialista escúdanse en que se trata dunha Directiva europea, “pero non é menos curioso que a maioría de países europeos non instauraron estes tributos”.
Ante esta situación, José Manuel Gómez Puente esixe tanto a BNG como a PSOE que “deixen de mentir, que pidan desculpas por tentar enganar aos veciños de Barreiros e que digan a verdade xa que a suba impositiva vén derivada das novas cargas aprobadas polo Goberno de Pedro Sánchez”.