Pistoletazo de saída para o Ineltrón Santo Domingo

por Redacción Deportes

Derby á vista: o primeiro da temporada. Sen tempo a curar as feridas da súa derrota na Copa Galicia en Chantada, o Santo Domingo Betanzos visita este sábado a pista do Traumacor Culleredo no que supón a primeira xornada da Tercera FEB (antes, liga EBA) 24/25. Aínda que o propio desenvolvemento da Copa trouxo un enfrontamento entre ambos clubs hai dúas semanas (cunha contundente vitoria dos cullerdenses), o partido, a celebrar ás 19.30h do sábado no pavillón O Burgo pon o marcador a cero entre os dous equipos das Mariñas, toda vez, agora si, que comeza o realmente importante. Así valora a cita Antonio Díaz “Doc”, o adestrador dos betanceiros: “Vai ser un encontro complicado, como se demostrou na Copa. É un equipo que sabe explotar as sus virtudes, ben traballado. Imos ter que manter un alto nivel defensivo durante os 40 minutos e intentar levar o partido o noso ritmo”.

Dado o carácter do encontro e a distancia á pista rival, agardase unha numerosa expedición betanceira para acompañar o equipo.

Estrea das sénior do Grelo Santo Domingo Betanzos

Non obstante, as estreas non quedan tan só no que toca ao primeiro equipo masculino. O Grelo Santo Domingo Betanzos, dirixido por Jose Espiñeira, comeza esta fin de semana a súa andaina na Segunda División Feminina Grupo Norte visitando nos Tilos ao Pulpiño Galo (Teo) o domingo ás 19h, no que será unha boa ocasión de medir as posibilidades do equipo na liga. Os demais conxuntos femininos, as júnior de Infor-B, as cadetes do Decornaveira e as infantís do Warnier Informática, tamén xogan esta fin de semana do Pilar: as primeiras e as últimas na casa a mañá do sábado (contra Esclavas Orzán e Santa María do Mar) e as cadetes ese mesmo día á tarde en Compañía de María.

Polo que toca á canteira masculina, os júnior disputarán o liderado do seu grupo a Los Rosales 07 (sábado 16h), os cadetes do Grelo Santo Domingo xogan contra Golfiños Sada (domingo 17h), os cadetes Rojo contra Compañía de María B (domingo 12h), todos no Carregal, os infantís de Segunda División do La Piccola viaxan a Coruña para medirse ao Basquet Coruña en Riazor (sábado 12h), mentres que o J. Caamaño Arquitecto de Liga Galega descansa.

La Goleta, o equipo de Terceira División masculina, intentará resarcirse da primeira derrota na liga fronte ao Oleiros (O Carregal, domingo 19h).

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario