O Pazo de San Marcos acollerá este martes unha nova edición de Con Voz de Muller polo Día da Muller Rural

por 21 Noticias

A Deputación de Lugo e a Cadena Ser organizan este martes, 15 de outubro, unha nova edición do foro Con Voz de Muller. Coincidindo co Día Internacional da Muller Rural, o Salón de Actos do Pazo de San Marcos acollerá ás 19:00 horas, un espazo de comunicación e inspiración de mulleres moi vencelladas ao rural. O Presidente, José Tomé Roca, pechará unha gala que dirixirá a xornalista Lara Salgado e que contará con tres mesas redondas, actuacións musicais da man de Sara Nebra e un pequeno coloquio entre a Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, e a Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos.

A entrada é de balde. As invitacións poden retirarse picando aquí

A cita que contará con testemuños reais de mulleres como a de Verónica Marcos, presidenta de FADEMUR; Rosa Romero, a primeira muller en dirixir a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo; ou Josefa León, a directora de competitividade estratéxica de AGROAMB. Falarase tamén de emprendemento dende o rural con María Bouzas e Chusa Expósito, que compartirán as súas experiencias en primeira persoa como responsable dos proxectos Tataraboas ou a cooperativa Milhulloa.

Pasarán tamén polo Salón de Actos da Deputación de Lugo figuras do mundo da arte como Melania Cruz, Esther López e Idoia Cuesta.  O programa completo:

  • Apertura da gala coa Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos e a Deputada Provincial de Igualdade, Marisol Morandeira
  • Actuación musical a cargo de Sara Nebra
  • Mesa redonda A muller rural como motor do cambio coa participación de Verónica Marcos, presidenta de FADEMUR; Rosa Romero, directora EPSE Lugo; e Josefa de León, Directora de Competitividade Estratéxica en AGROAMB.
  • Mesa redonda Conversas en primeira persoa. Deixando pegada: emprender no rural, que contará con María Bouzas, emprendedora con Galletas Tataraboas; Chusa Expósito, emprendedora na cooperativa Milhulloa.
  • Actuación musical a cargo de Sara Nebra
  • Mesa Redonda O rural como refuxio artístico, Melania Cruz, actriz; Sara Nebra, cantautora; Esther López, fotógrafa; Idoia Cuesta, cesteira.
  • Peche da xornada a cargo de José Tomé, Presidente da Deputación de Lugo.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario