Desde as 15,00 horas do venres, 11 de outubro ata as 23,59 horas do domingo, 13 de outubro, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 84 chamadas por accidentes de tráfico
Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana 83 persoas debido a 58 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 11 de outubro, ata as 23,59 horas do domingo, 13 de outubro. O sábado foi o día que rexistrou máis sinistros, con 26 accidentes de tráfico.
A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 84 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 58 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 83 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 53% e do 47% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 29% dos atendidos tiña entre 40 e 54 anos.
Por provincias, A Coruña foi a que máis sinistros rexistrou con 19 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.
Provincia | Accidentes |
A Coruña | 19 |
Lugo | 10 |
Ourense | 12 |
Pontevedra | 17 |
Galicia | 58 |
Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 76. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en sete accidentes, o helicóptero medicalizado atendeu nunha ocasión, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico asistiron en 60 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en oito accidentes.
En 67 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes e en 16 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente.