O Consello de Europa vén de informar e facer indicacións tocante ao uso de linguas minoritarias no estado español. No que atinxe ao galego, pon en evidencia os resultados negativos do Decreto do Pluriingüismo da Xunta e reclama unha maior promoción do ensino en galego como lingua vehicular, incorporando as clases neste idioma tamén en materias do entorno da ciencia dende o ensino básico até a universidade. Reclama a normalización do uso do galego na contorna da atención sanitaria,a administración do Estado en Galicia e os xulgados. Esta indicación do Consello de Europa non é ningunha sorpresa, pois xa tanto a Real Academia da Lingua coma o Consello da Cultura, dúas entidades de referencia e nada sospeitosas, do nosos pais, levan anunciando dende fai un tempo a constatación da perda progresiva de galegos falantes.
É pois evidente, que a pesares das declaracións optimistas da Consellería de Educación, a evidencia incontestable é que o uso do galego está en retroceso, especialmente nas novas xeracións. lsto é algo que debería superar as diferenzas partidarias e converterse nunha preocupación nacional na que todos nos comprometamos na súa reversión.
Quen ten a primeira responsabilidade na recuperación do galego é a Xunta. Non vale de moito argumentar isto ou aquilo cando os resultados da política lingüística de goberno mantido por décadas están á vista. Reclamamos, polo tanto, que a Xunta demostre unha inequívoca vontade política nesta angueira e un compromiso co país que goberna modificando axeitadamente a súa política non só na cultura, tamén na sanidade, no comercio, en tódalas áreas; o seu labor debe ser exemplarizante, e debe empezar por usar o galego nas súas propias reunións de goberno.
Ademais, a sociedade civil ten a maior responsabilidade na recuperación e dignificación do galego: se nós non defendemos a nosa lingua, non virán de Madrid a facelo. Non se trata xa dunha posición ideolóxica, é unha cuestión de orgullo propio. Usemos o galego na casa, no supermercado, no traballo, no lecer. E pedimos especialmente aos profesionais e aos empresarios -que pouco se comprometen ca nosa fala- que a empreguen con normalidade de xeito cotiá, que fagan así a súa imprescindible achega á dignificación e prestixio do galego.
Comprometámonos todos ca nosa propia identidade, e o cerne dela é o idioma. Como bendixo Antón Vilar Ponte: «A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal
Foto portada. Castelao, primeiro presidente de Galicia e Vilar Ponte, Irmandades da Fala