O proxecto está comisariado por Juan Luis Toboso en diálogo con Filipa Ramos e poderá visitarse ata o 31 de xaneiro de 2025
Mañá xoves, día 17 de outubro, ás 19.30 horas en NORMAL, o Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña, terá lugar a inauguración da exposición “Fío do Norte”, comisariada por Juan Luis Toboso en diálogo con Filipa Ramos.
O evento contará,ás 20:00 horas, co concerto de Carme López, que engadirá unha experiencia sonora única á inauguración.
“Fío do Norte” é unha exposición e, ao mesmo tempo, unha investigación especulativa sobre a linguaxe do territorio, a súa sensorialidade, o animismo da paisaxe, as múltiples mitoloxías individuais e colectivas e mais a vontade de establecer un dialogo con diversas visións presentes dunha paisaxe ancorada no pasado, que nos proxecta cara a un futuro aínda mais extenso.
Esta exposición, que estará aberta ata o 31 de xaneiro de 2025, é o encontro entre un grupo de artistas que traballan ao redor do noroeste ibérico en todas as súas dimensións: sensorial, mítica, colectiva e persoal; conectando paisaxes, memorias e futuros. Un proxecto que reúne varios artistas do norte de Portugal e Galicia, como António Ramalho, Cem Raios T’abram, Luís Seoane e Federico García Lorca, Jorge Barbi, Daniel Moreira e Rita Castro Neves, Lara e Noa Castro Lema, Laure Mojo, Laxeiro, Mariana Barrote, Mariana Caló e Francisco Queimadela, Maruja Mallo, Carla Andrade, NEG (Nova Escultura Galega), Salvador Cidrás e Vicente Blanco.