Esta mañá, as deputadas de Sumar Galicia, Verónica Martínez Barbero e Manuel Lago Peñas, mantiveron unha reunión co Ministro de Transportes Óscar Puente. Esta xuntanza tivo como obxectivo trasladarlle dous temas fundamentais para a mobilidade en Galicia: a recuperación da AP-9 e o transporte ferroviario de media distancia.
Nesta reunión, as deputadas de Sumar Galicia trasladaronlle ao Ministro a necesidade de recuperar a Autoestrada do Atlántico para o público. Así mesmo, fíxose un recoñecemento de que o Goberno de coalición de PSOE e Sumar é o Goberno que máis recursos destina a bonificar as peaxes, pero que en Sumar deféndese que é moito mellor recuperar a AP-9 e non seguir gastando millóns de euros públicos en subvencionar unha empresa privada en mans de fondos de investimentos estranxeiros.
Por outro lado, na reunión co Ministro de Transportes tamén se abordou a problemática do funcionamento do ferrocarril en Galicia. As deputadas de Sumar Galicia trasladáronlle as múltiples queixas das persoas usuarias e das plataformas de afectada sobre os retrasos e os horarios. Tamén se abordou a calidade do servizo e a necesidade de manter os beneficios para os viaxeiros recurrentes e persoas vulnerables.
Neste sentido, xa no pasado mes de abril, Paulo Carlos López, portavoz de Sumar Galicia, indicaba un compromiso “a trasladar ao Grupo Plurinacional de Sumar no Congreso dos Deputados unha batería de propostas”, así como a apoio a todas as que foran nesa liña, para que a AP-9 “sexa pública e gratuita en 2026”.