A CIG-Ensino denuncia o intento da Consellería de limitar a información sobre a situación dos centros docentes, cunha circular de Educación sen soporte legal 

por 21 Noticias

Unha circular sen valor algún a nivel normativo do responsable da xefatura de Inspección de Lugo pretende menoscabar o acceso a información por parte das ANPAs dos centros, nunha acción sen precedentes na historia da Consellería de Educación.

O documento sen valor real nin legal algún, que pretende impoñer a Inspección Educativa , enténdese que coa connivencia da Dirección Territorial de Educación, levaría a calquera ANPA, e por extensión, a calquera docente, mesmo que formase parte do Consello Escolar, que tivese que solicitar esa información como se fose unha persoa allea ao centro: a través do acceso a información pública que regula a Lei de Transparencia. Así, a administración ten un prazo dun mes para contestar ás solicitudes que se lle fagan por esta vía e que se todas as ANPAS ou docentes dun centro solicitasen esa información por esta vía, colapsaría. 

Comunicado íntegro CIG Ensino

O sindicato CIG-Ensino esixe explicacións á Consellería de Educación para coñecer se este correo foi produto dunha iniciativa propia da Dirección Territorial de Lugo, que todo parece indicar que si, xa que nas outras tres provincias non chegou nada aos ou ben se hai algún interese dende os servicios centrais da Consellería. 

O sindicato CIG Ensino demanda, en todo caso, que as indicacións contidas nese correo, que non teñen rango nin valor normativo, sexan anuladas e comunicada a rectificación aos centros da provincia de Lugo pola mesma vía. 

CIRCULAR DA DIRECCIÓN TERRITORIAL DE ENSINO DE LUGO

Prezada directora / prezado director:

Este Servizo de Inspección foi coñecedor de que a algunhas direccións de centros estanlles a chegar peticións da ANPA para que lle faciliten datos do número de alumnado total do centro, unidades, alumnado con NEE, con NEAE, etc. Este tipo de datos débense tramitar a través dunha solicitude de información pública, regulada na Lei 19/2013, do 9 de decembro de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, de ámbito estatal, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, de ámbito autonómico.

O artigo 26 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, establece que o dereito de acceso á información pública exercerase mediante a presentación da solicitude dirixida á persoa titular do órgano administrativo que posúa a información e sexa competente para resolvela. No ámbito do sector público autonómico educativo de Galicia, esta competencia correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP. Polo tanto, o centro educativo non debe facilitar estes datos.

No caso de recibir este tipo de peticións, debe vostede responder á persoa solicitante co texto que achegamos (documento «Anexo I_Modelo de resposta»). Pode facilitarlle tamén o modelo normalizado de solicitude (documento «Anexo II_Solicitude normalizada»).

Recordamos que, en virtude do establecido no Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, esta solicitude debe presentarse a través do do Sistema Único de Rexistro, dependente da consellería competente en materia de administracións públicas, que está integrado polos rexistros presenciais (o Rexistro Xeral e os rexistros auxiliares) e polo rexistro electrónico. De conformidade co devandito decreto, o centro educativo NON é unha oficina auxiliar de rexistro de documentos, polo que non pode exercer funcións de recepción e/ou remisión de solicitudes, escritos e comunicacións para outros órganos, servizos ou unidades administrativas. Xa que logo, non se pode tramitar este tipo de solicitudes a través das secretarías dos centros educativos.

Entón, cal é a validez dos Consellos Escolares? Cales son os documentos que se aproban nos devanditos Consellos Escolares nos que están representandas as ANPAS? 

O descoñecemento absoluto da normativa e a evasión nunha serie de soportes legais que non se corresponden coa realidade da situación non deixan máis que en evidencia o exercicio profesional do responsable de Inspección Educativa. Era coñecedora a Directora Territorial da situación ou foi quen deu a orde? 

Neste caso , Lugo actúa por libre das outras provincias, ao non chegar información deste tipo a ningunha das outras tres provincias.  A desconfianza é clara na comunidade educativa, ante a desidia dos que rexen os destinos. 

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario