BNG: «O PP limita as oportunidades de aprendizaxe dxs nenxs con necesidades especiais do Cabo da Area de Laxe»

por 21 Noticias

O deputado do BNG Daniel Pérez lamentou o voto en contra do PP á iniciativa nacionalista debatida na Comisión 4ª do Parlamento para reclamar á Consellería de Educación máis persoal de apoio aos alumnos e ás alumnas con necesidades educativas especiais do Centro Público Integrado (CPI) Cabo da Area de Laxe. “Fallan vostedes aos que máis o precisan”, recriminoulles aos deputados do grupo maioritario, aos que acusou de amparar “un ataque directo ao futuro” destas crianzas.

Daniel Pérez defendeu unha iniciativa para reclamar, en concreto, a asignación ao centro de Laxe dun ou dunha docente especialista en Audición e Linguaxe a tempo completo, máis a proposta non saíu adiante pola negativa dos deputados do PP, aos que reprobou que, co seu voto, “priven dun recurso fundamental a nenas e nenos que teñen o dereito a recibir unha educación adaptada ás súas necesidades”.

 “Con estas decisións están a condicionar o desenvolvemento educativo, pero tamén persoal destas crianzas”, advertiu o deputado nacionalista, quen subliñou ademais que a negativa da Consellería de Educación de dotar ao centro das prazas necesarias supón “incumprir aquilo á que está obrigada legalmente” para garantir “a educación que este alumnado merece e á que ten dereito”.

O deputado do Bloque da comarca criticou a decisión da Consellería de recortar este curso unha praza de especialista de AL a pesar de que cando menos o 20 por cento do alumnado do Cabo da Area de Laxe tiña xa o curso pasado necesidades educativas específicas de apoio educativo, “todos eles con diagnósticos procedentes de especialistas da sanidade pública, derivacións de atención temperá e diversos graos de discapacidade recoñecidos”, explicou.

Subliñou que “nada xustifica a decisión” da Xunta en mans do PP, posto que este curso hai máis alumnado con necesidades específicas e en cursos anteriores o Cabo da Area de Laxe si contou cun profesor especialista en AL.  Ademais, o equipo de orientación do centro comunicou xa en abril á Consellería que este ano ía contar con máis alumnos diagnosticados nun centro ao que, pola súa tipoloxía, correspóndenlle 1 docente de Audición e Linguaxe e 2 de Pedagoxía Terapéutica.

Neste punto, lembrou que a Consellería de Educación tampouco contemplaba ao inicio do curso a segunda praza de Pedagoxía Terapéutica, que o centro conseguiu posteriormente grazas ás mobilizacións dos pais e das nais. “Ese segundo PT non é unha concesión graciosa de su majestad el conselleiro, é un dereito das crianzas con necesidades educativas especiais”, recalcou.

Daniel Pérez lamentou a “falta de empatía” dos políticos do PP, a empezar polo conselleiro de Educación, coas familias de Laxe, ás que “lles están dicindo que os seus fillos non van poder contar coas oportunidades de desenvolvemento e aprendizaxe que lles corresponden por dereito”, concluíu.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario