Concentracións en 50 cidades co lema ‘Somos 48 millóns de pensionistas’ 

por Redacción Galicia

A Mesa Estatal pola Blindaxe das Pensións (MERP) convocou concentracións en 50 poboacións de todo o país co lema ‘Somos 48 millóns de pensionistas para Blindar as Pensións na Constitución’.

Portavoces da plataforma lembraron que no mes de marzo próximo cumprirase o prazo para a revisión da reforma das pensións por parte de Bruxelas, “e, por tanto, do noso Sistema Público de Pensións”.

“Noutros momentos vimos como Bruxelas propoñía, e ás veces impoñía, recortes que afectaron á vida de amplos sectores da sociedade”, aseguran, “polo que é máis necesario que nunca avanzar no consenso para blindar as pensións na Constitución prohibindo a súa privatización”.

O lema elixido, “Somos 48 millóns de pensionistas”, fai referencia, explican desde a MERP, “á unidade de todos os sectores da sociedade que somos ou seremos pensionistas”. Para quen representa á plataforma, “estamos a vivir ataques contra as pensións públicas, algúns cuestionando, unha vez máis, a súa sustentabilidade, e outros enfrontando aos nosos maiores coa mocidade, os traballadores, ou mesmo a uns pensionistas contra outros”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario