Ambas institucións cofinancian a través deste acordo xornadas, obradoiros creativos, cursos, exposicións, residencias artísticas ou ciclos de música e cinema, entre outras actividades
A Deputación da Coruña destina un total de 110.000 euros para financiar a programación cultural e de divulgación do coñecemento científico da Universidade da Coruña durante o presente curso académico.
O presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, e o reitor da UDC, Ricardo Cao, asinaron o convenio de colaboración, que contempla diferentes liñas de actuación no ámbito da cultura organizadas pola institución académica coruña. O orzamento total do programa ascende a 137.500 euros, do que a Deputación achega o 80%.
Formoso destacou que, con este apoio, a Deputación contribúe a manter unha programación cultural de calidade e un amplo calendario de actividades de divulgación científica para o alumnado da institución académica coruñesa, pero que tamén está ao alcance da cidadanía.
Dentro deste ciclo de actividades financiadas pola Deputación incluíuse a First Lego League 2024, que se celebra por décimo ano no Campus industrial de Ferrol, un programa de ámbito internacional que desafía á mocidade a resolver problemas do mundo real como a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovables a través da ciencia e da enerxía.
O convenio inclúe tamén unha serie de obradoiros creativos realizados en diversos ámbitos da arte e da cultura e as aulas de teatro e danza, o clube de lectura, que se desenvolve na Normal da Coruña coordinado pola escritora Antía Yáñez e comprende, por outra banda, residencias, que teñen como fin apoiar proxectos de investigación e creación nos ámbitos do teatro, a escritura dramática, a danza, a música ou as artes visuais, entre outros. Deste xeito ofrécese aos artistas recursos infraestruturais, técnicos e humanos para o desenvolvemento das súas iniciativas.
A apoio da Deputación serve tamén para financiar o coro da UDC, creado no 1990, e distintas exposicións e actividades en Normal, que inclúen ciclos de música, masterclasses e obradoiros de creación en distintas disciplinas artísticas.