Penas: «Trátase dun problema vinculado ao comezo da obra executada pola Xunta, o Concello ten que asegurarse de que se cumpre coa legalidade e que a obra non xera problemas na contorna»
O edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, afirmou que o anuncio da Xunta sobre a reparación dos accesos ao barrio de Casás «é unha boa noticia que permitirá solucionar un problema que apareceu co inicio das obras de construcción do aparcamento da Avenida de Breogán». Penas destacou que «a obra foi executada pola Xunta de Galiza, a responsabilidade do concello é garantir que esta actuación non produce problemas na contorna».
A obra executada pola Xunta de Galiza deixou os verquidos de augas directamente cara a un dos principais accesos ao barrio de Casás, o que impide que as veciñas e veciños poidan acceder ás súas vivendas especialmente en días de choiva. Penas reclamou «premura» á Xunta de Galiza «para poñer unha solución definitiva a esta situación antes de que as choivas fagan que este problema aumente». «Alegrámonos de que Xunta recoñeza o problema, aínda que cheguen tarde, e agardamos que cumpran o seu compromiso e freen o illamento do barrio de Casás», afirmou Penas.
O edil de Infraestructuras destacou que este problema «vense denunciando por parte da veciñanza desde o comezo das obras», e destacou que «é preciso reformular o tratamento das augas pluviais para que este investimento de máis dun millón de euros non supoña o illamento da veciñanza de Casás».