Olalla Rodil lamentou que a Xunta e os alcaldes dos concellos afectados boten balóns fóra provocando que os nenos e nenas carezan desta atención e que a provincia de Lugo conte cunha Atención pediatrica deficitaria
A deputada do BNG, Olalla Rodil presentou no Parlamento galego as deficiencias pediátricas que teñen os concellos de Castro de Rei, Outeiro de Rei e Cospeito. Así mesmo a concelleira do Bng en Castro de Rei, Olga García, presentou unha moción no Concello para que o pleno do concello inste á Xunta de Galiza a restituír este servizo.
Actualmente, estes tres municipios quedaron sen pediatra ao non cubrir o SERGAS a baixa laboral da persoa titular. Esta situación fai que as nenas e nenos sexan atendidos por médicos de familia, non pediatras, ou que se vexan obrigadas as familias a acudir ás urxencias pediátricas do HULA.
Nunca nos atreveriamos a discutir se un médico de familia ten a capacidade para unha atención pediátrica de calidade e lamentablemente os médicos de familia tamén escasean o que provoca listas de espera para acceder ás consulta. Aínda que consideramos que están moi capacitados, non deixan de seren especialistas noutras disciplinas , «non en pediatría». Esta circunstancia levou as familias dos tres concellos a reclamar «o dereito da mellor atención posible para os fillos e fillas» e en todo caso, «en igualdade con outras nenas e nenos do seu entorno», porque estas nais e país, afirmou Olalla Rodil, «teñen dereito a ter unha asistencia pediatrica de calidade e nos seus concellos».
Rodil denunciou «a capacidade que a enfermería pediátrica ten para abordar os coidados das criaturas en idade infantil, pero unha enfermeira pediátrica non é un servizo de pediatría»,e xa non vale facer trampas como o ano pasado que anunciaron que Outeiro de Rei contaría con asistencia pediátrica a tempo completo pero o que ía ter era pediatra un día á semana e enfermeira pediátrica tódolos días. «Ambas especialidades son importantes e complementarias e realizan traballo autónomo, pero non serven para intercambiar competencias», sentenciou a deputada.
Non se trata pois da calidade dos profesionais, trátase da «calidade do sistema e das políticas sanitarias» que se deseñan e implementan para dar resposta ás necesidades da poboación.
«Os tres concellos compartían unha pediatra, 2 días en Cospeito que ten 318 crianzas, 2 en Castro de Rei con 440 e 1, o venres en Outeiro con 621 crianzas que quedan sen atención médica pediátrica», o único que pedimos é que as persoas que fan a súa vida nestes concellos teñan un ou unha médica especialista á que levar ás súas rapazas e rapaces.
Olalla Rodil afirmou que os nenos e nenas son «o futuro do país» e neste caso, nos concellos de Lugo son «o futuro do noso rural».