A duna de Riazor prepárase para afrontar os temporais de inverno

por Redacción A Coruña

A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, supervisou esta mañá as actuacións que está levando a cabo o Concello no areal, que se prolongarán ata este venres, sempre e cando as condicións climatolóxicas sexan favorables.

A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, visitou esta mañá a praia de Riazor, onde xa se está a construír a duna de area que protexerá o Paseo Marítimo dos posibles temporais costeiros na próxima tempada invernal. 

Desde este luns e, previsiblemente, ata o venres, dúas máquinas bulldozer amontoarán a area para dar forma á estrutura, que superará os dous metros de altura nalgúns puntos. Unha terceira máquina, unha retroescavadora, perfilará a duna para que a súa función de barreira fronte ao mar sexa a adecuada. 

«A experiencia de case vinte anos nestes traballos mellorou o noso coñecemento sobre a construción da duna para que sexa o máis efectiva posible», sinalou Neira, que lembrou que os técnicos de Medio Ambiente revisarán de maneira continua a estrutura para reforzala ante fenómenos costeiros de especial magnitude, en caso de ser necesario. 

A duna de Riazor levantouse por primeira vez no ano 1995 como resposta a un forte temporal que derrubou a antiga balaustrada do Paseo Marítimo ao seu paso por este areal. Este tipo de situacións meteorolóxicas danse entre unha e tres veces ao ano de media.

Cómpre lembrar que a duna permanecerá en Riazor ata mediados de maio do ano que vén, data na que será retirada para deixar as praias preparadas para o gozo da tempada de baño a partir do 15 de xuño de 2025. A dunha é unha das medidas de prevención que habilita cada exercicio o Goberno de Inés Rey, o ano pasado comprobouse á súa efectividade uha vez máis para reducir o impactos dos temporais na costa.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario