Bota a andar en Lousame o proxecto europeo “De monte a monte” con 40 participantes

por Redacción Galicia

O proxecto une comunidades galegas e portuguesas para procurar xeitos máis resilientes de xestionar os territorios

Este pasado domingo o mal tempo non impediu o lanzamento do proxecto Erasmus+ «De monte a monte: territorios resilientes», que unirá durante os o próximos 18 meses a comunidades galegas e portuguesas para botar a andar formas de xestión do territorio máis resilientes frente o cambio climático, incendios forestais e perda de biodiversidade. O proxecto, financiado pola Unión Europea, está coorganizado pola Fundación Montescola (Gz), Verdegaia (Gz) e Veredas da Estrela (Serra da Estrela, Portugal), combinando xornadas práctico-teóricas, formación forestal e visitas de intercambio a ambos os dous lados da raia.

Esta pasada fin de semana a iniciativa xuntou 40 participantes en Froxán, unha comunidade de Lousame que en 2017 foi recoñecida pola ONU como Área Conservada por Pobos Indíxenas e Comunidades Locais (ICCA), para descubrir cómo aplicar as técnicas de permacultura á restauración forestal e hidrolóxica. Nesta primeira sesión, trazáronse liñas de infiltración de auga (coñecidas en inglés como «swale») nunha zona de forte pendente na que se eliminou o eucalipto e que está por encima dos mananciais que suministran a aldea. O método, que tamén inclúe a plantación de árbores e arbustos autóctonos, permite que a auga de chuvia entre e se reteña no terreno.

O programa da xornada incluíu unha actividade noctura de observación de morcegos organizada pola asociación Morcegos de Galicia así como o espectáculo teatral «Dramón en Froxán», unha peza da Pequena compañía de nenos enormes para reflexionar sobre a destrucción ambiental do mundo rural.

Esta é a primeira de 10 xornadas de formación coas mans na terra que continuarán até abril de 2026, de par de sesións de inventariado de biodiversidade e intercambios, para descubrir distintas técnicas e experiencias que fortalezan a resiliencia social e ambiental das comunidades rurais. As seguintes terán lugar o 27 deoutubro en Vinhais/Bragança (Trás-os-Montes) e o 16 de novembro no Ribeiro (Ourense). O proxecto está aberto ao público en xeral e as participantes recibirán unha acreditación da formación recibida finalizado o mesmo.


O programa Eramus+

Erasmus+ é o programa europeo de educación, formación, xuventude e deporte para o período 2021-2027 e ten como obxectivo mellorar o desenvolvemento persoal e profesional de todos os cidadáns, reforzar a identidade europea, o crecemento sostible, a cohesión social e a empregabilidade das persoas. Promove o traballo de organizacións no ámbito de asociacións europeas ou internacionais cunha ampla gama de actores públicos e privados e fomenta o intercambio de coñecemento e a innovación nos ámbitos da educación, a formación, a xuventude e o deporte. O proxecto «De monte a monte: territorios resilientes» forma parte da Acción Chave 2 – Parcerías de pequena dimensión (KA-2).

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario