O Concello da Coruña formará a 705 persoas desempregadas a través do programa Éfeso Coruña

por Redacción A Coruña

A alcaldesa presentou o proxecto que contará con 3,36 millóns de euros de orzamento para avanzar na inserción laboral na cidade durante 2025 e 2026.

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá o programa de emprego e inclusión social ÉFESO Coruña 2024-2026 destinado a mellorar a inserción sociolaboral na cidade. A rexedora, acompañada da concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, explicou os detalles do mesmo e destacou a oportunidade de contar con iniciativas similares para a dinamización económica.

Éfeso Coruña dá continuidade ao proxecto Coruña Suma, a través do cal o Concello acadou a inserción laboral de 1.130 persoas. Ambos programas están destinados a persoas desempregadas, principalmente mulleres, maiores de 45 anos, de longa duración, estranxeiros ou nacionais con baixos niveis educativos ou procendentes de contornas vulnerables inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia. «En total impartiranse 12 itinerarios en 43 edicións, o que permitirá formar a 705 persoas, das cales preto do 72% serán mulleres, priorizando aquelas en risco de exclusión social». 

O programa conta cun orzamento de 3,36 millóns de euros, dos cales o 60% será financiado polo FSE+ e o resto con fondos municipais. O Concello tamén ofrecerá bolsas de asistencia de 13,45 euros diarios: «Poderá acceder calquera alumno ou alumna sempre que careza de ingresos ou as súas rentas superen o 75% do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM)».

Con esta nova iniciativa, o Goberno de Inés Rey reitera o seu compromiso coa creación de emprego e a mellora da cohesión social: «Este proxecto non só mellorará a empregabilidade, senón que tamén revitalizará barrios como Os Mallos, Sagrada Familia ou Labañou, contribuíndo a unha cidade máis inclusiva e sostible» apuntou a alcaldesa.

Os itinerarios a impartir abranguen sectores clave como a atención sociosanitaria, hostalería, servizos de salvamento, ou comercio, con formacións específicas en actividades como socorrismo, operacións básicas de cociña, ou peiteado. Outro dos obxectivos do programa é mellorar a calidade do emprego na cidade.

A alcaldesa sinalou que nove dos doce itinerarios contarán con certificado de profesionalidade, o que contribuirá á creación de emprego estable. Ademais, desenvolveranse xornadas de intercambio entre entidades sociais e profesionais do sector, así como formación en igualdade de xénero e accións de «coaching» laboral. Tamén anunciou que a execución do programa suporá o reforzo do servizo de emprego, contratando a 10 profesionais para a coordinación técnica, administración, orientación e mediación laboral. 

Así mesmo, a alcaldesa lembrou que o anterior proxecto de emprego, Coruña Suma, tivo un alto grao de satisfacción coas prácticas tutorizadas contando cunha valoración media de 3,9 sobre 4. «O 94,4% das empresas que colaboraron no proxecto afirmaron que volverían participar en futuras edicións e cifras semellantes foron as das persoas participantes» sinalou, poñendo en valor a coordinación entre Concello e empresa: «Trátase dun proxecto que non só mellorará a empregabilidade das persoas participantes, senón que con el buscamos ter tamén un efecto positivo na nosa economía local creando redes de colaboración entre empresas, entidades sociais e administracións públicas» concluiu.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario