Ameijide pide ao reprobado ministro Puente que “pare de mentir” porque cando rematen as obras o tren Lugo-Ourense non será “alta velocidade, irá a ritmo de ciclomotor”

O voceiro popular afirma que “os lucenses estamos fartos de promesas e queremos feitos” ao que engade que se no Goberno de Pedro Sánchez queren que a alta velocidade chegue a Lugo teñen que retomar a construción das variantes de Rubián e Peares-Canabal: “do contrario é imposible que os trens poidan circular a máis de 200km/h”.

O voceiro provincial Popular, Antonio Ameijide, afirma que “ningún lucense se cre as palabras do ministro Puente”, en alusión ao anuncio realizado polo ministro de Transportes sobre un tren que unirá Lugo con Ourense e que circulará a uns 200km/h.

Neste senso, Ameijide recorda a Puente que as obras de electrificación que se están a realizar na liña ferroviaria que une Monforte con Ourense “non permitirán aos os trens circular a esas velocidades xa que para iso é imprescindible a construción das variantes (Rubián e Peares-Canabal) proxectadas e orzamentadas por un goberno do PP e que Pedro Sánchez meteu nun caixón para non executalas”.

Segundo un informe do clúster de función loxística de Galicia, coas obras que se están a realizar agora, os trens pasarán de circular de 63 a 75km/h de velocidade media “moi lonxe dos 200km/h anunciados polo ministro e máis lonxe dos 250km/h que marcan o inicio da alta velocidade ferroviaria”. “Ata un ciclomotor circula máis rápido”, sentenciou.

“Queda claro que acertamos totalmente no Grupo Provincial Popular cando no pasado pleno conseguimos aprobar a reprobación do ministro por todo o dano feito á provincia”, afirmou.

CONSTANTES ATRASOS NAS OBRAS

Antonio Ameijide denunciou o novo atraso que se está a producir nas obras de electrificación da vía que, “no mellor dos casos non rematarán ata ben entrado o vindeiro ano”.

O primeiro prazo anunciado polo Goberno do Estado para o remate das obras foi o último trimestre de 2023, logo a primavera de 2024, despois o 30 de setembro deste ano e agora finais de ano. “Xa está ben de mentiras, os lucenses queremos feitos, infraestruturas e alta velocidade”, sinalou.

“É fundamental realizar os investimentos necesarios nas infraestruturas ferroviarias para garantir un servizo moderno e de calidade nas instalacións e nos trens” de xeito que “se garanta que a provincia e a cidade de Lugo accedan en igualdade co resto do territorio á Alta Velocidade e á intermodalidade, afirmou.

Ademais, recordou que é fundamental recuperar todas as frecuencias suprimidas, adoptando as medidas necesarias para que a oferta dispoñible en conexións e horarios responda ás necesidades reais de cidadanía, como tamén garantir a seguridade, algo para o que é mester a supresión de todos os pasos a nivel comprometidos, desbloqueando as obras paralizadas nalgúns deles, e a construción de accesos alternativos que favorezan a comunicación entre as marxes das vías de forma segura, así como impulsar a liña de ancho métrico (FEVE) entre Ribadeo e Ferrol mellorando a calidade do servizo, a modernización do material rodante e a gratuidade do servizo, como sucede en Asturias e Cantabria.

Antonio Ameijide recorda que “Lugo é a única provincia e a única capital de provincia que queda sen acceso á Alta Velocidade ferroviaria entre as provincias do noso redor” porque o actual trazado da liña entre Lugo e Ourense non permite alcanzar nin alta velocidade nin velocidade alta. 

Estas obras de modernización e electrificación non supoñen melloras no trazado, “sen esquecer que o Goberno de Pedro Sánchez, co apoio necesario do BNG,gardou nun caixón os proxectos para construír as variantes que deixou preparadas e presupostadas o anterior Goberno do Partido Popular nos Peares-Canabal e Rubián e que si permitirían reducir o tempo da viaxe entre Lugo e Ourense”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios