O delegado territorial, Javier Arias, explicou que incorpora os desafíos que supoñen os novos modelos de traballo e incorpora medidas preventivas no marco do recentemente creado laboratorio de riscos psicosociais do Issga coa USC.
A Xunta de Galicia presentou hoxe en Lugo unha guía sobre riscos psicosociais e saúde laboral, no marco dos actos organizados para conmemorar a Semana Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo. Foi elaborada polos servizos técnicos do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), que depende da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no marco do recentemente creado Laboratorio de riscos psicosociais da man da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
O delegado territorial, Javier Arias, visitou a sede lucense do Issga e destacou “o enfoque da guía, que incorpora os cambios que provocou a pandemia do coronavirus no ámbito laboral, xerando novos modelos de traballo”. Ao respecto, refire pautas como o auxe do teletraballo, o funcionamento en equipos virtuais ou o crecente peso das tecnoloxías, e a maneira en que estas poden afectar ao benestar e á saúde.
A xornada de presentación da guía contou coa participación da xerente do Issga, Adela Quinzá-Torroja, e reuniu a representantes de asociacións profesionais, do tecido empresarial ou de servizos de prevención de riscos, entre outros. Interviñeron técnicos de riscos psicosociais do ámbito laboral do organismoautonómico xunto con Carlos Montes Piñeiro, presidente da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais e profesor de Psicoloxía do Traballo e das Organizacións da Universidade de Santiago de Compostela.
O Goberno galego pon o foco na necesidade de coidar a saúde mental das persoas empregadas no marco da xestión integral da seguridade laboral. Xunto á guía completa, o Issga editou senllos folletos destinados aos traballadores e aos responsables das empresas respectivamente, que se centran nas medidas preventivas concretas para erradicar ou limitar as causas de estrés laboral.