A eurodeputada do BNG denuncia que Galiza sexa espoliada polo lobby eléctrico para incrementar os seus propios beneficios
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, subliñou no pleno da Eurocámara a necesidade de paralizar a eólica mariña en Galiza para protexer o sector pesqueiro e marisqueiro. “O desenvolvemento da eólica mariña, tendo en conta as características da plataforma marítima galega, é incompatible co mantemento da actividade económica vinculada co mar”, sinalou en referencia especial a Cedeira, un dos concellos galegos que se verían máis afectados.
“Temos que escoller: ou defendemos os 31.000 empregos que dependen directamente do sector do mar ou se permite que as eléctricas sigan gañando miles de millóns de euros a costa da destrución do noso sector pesqueiro e a destrución do noso medio ambiente”, subliñou Ana Miranda na súa intervención no debate “Protección dos nosos océanos: ameazas constantes ás zonas mariñas protexidas na Unión e beneficios para as comunidades costeiras”.
A eurodeputada galega denunciou que Galiza sexa espoliada polo lobby eléctrico para aumentar os seus propios beneficios, sen ter en conta as repercusións nin nos sectores produtivos galegos nin no medio ambiente. “Se temos que escoller entre as eléctricas ou a xente do mar, no Bloque témolo claro: nós defenderemos á xente do mar para que poidan vivir do seu traballo”, afirmou.
Falta de avaliación
“É inadmisible que que case a metade da eólica mariña prevista no Estado se instale nas costas galegas xusto onde se atopan os principais caladoiros pesqueiros”, salientou Ana Miranda ao tempo que lembrou que o conxunto do sector mar-industria supón arredor do 5% do PIB galego,c unha facturación de cerca de 12.000 millóns de euros e 64.000 postos de traballo directos.
Neste sentido, a eurodeputada do BNG denunciou a falta da avaliación rigorosa do impacto social e medioambiental da implantación da eólica mariña no banco pesqueiro galego, así como a falta de participación do sector pesqueiro na elaboración dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM), que regulan a instalación da eólica mariña na costa galega.
Polo tanto, ao seu xuízo, a única opción admisible do goberno do Estado Membro consiste na paralización do desenvolvemento do Real Decreto polo que se regula a produción de enerxía eléctrica a partir de fontes renovábeis en instalacións situadas no mar, “xa que temos que impedir a destrución do noso ecosistema mariño e dun dos nosos sectores económicos estratéxicos”.