As cegoñas están a construír os seus niños con plásticos

por Redacción Galicia

Amigas dás Cegoñas e Ecoloxistas en Acción, en colaboración con investigadores da USC, presentaron os resultados do proxecto PlasticStork nunha charla que se realizou no Centro Cultural Marcos Valcárcel.  Un estudo de campo dentro da campaña Stop Vertidos Ilegais de Ecoloxistas en Acción e o Proxecto LIBERA-Unidos fronte á Basuraleza

Os plásticos, actualmente, están moi presentes nas entulleiras, no campo ou nas estradas e proveñen de residuos da agricultura ou dos xerados nos núcleos urbanos. Nestes lugares a cegoña branca (Ciconia ciconia) tende a recoller materiais para a construción ou acolchado do interior do seu niño. Debido a esta circunstancia, a posibilidade de presenza de plásticos nos niños destas aves é moi elevada e como consecuencia estes residuos poden ser inxeridos tanto polos pitos, como polos individuos adultos.

Coa finalidade de coñecer máis sobre esta situación e concienciar sobre a mesma, Amigas dás Cegoñas en colaboración con Ecoloxistas en Acción Ourense e Apadriñamento LIBERA puxo en marcha o proxecto PlasticStork. Un proxecto coordinado pola investigadora Zulema Varela Río e Sergio Vila Tojo do centro CRETUS da Universidade de Santiago de Compostela.

O proxecto investigou a situación dos plásticos e as cegoñas desde dous puntos de vista. Un máis biolóxico e o outro máis social co obxectivo de responder as seguintes preguntas: Están as cegoñas usando plásticos para a construción dos seus niños? Están a inxerilos? Se é así, Que tipo de plásticos atopamos nos seus niños e nas egagrópilas?Que responsabilidade sente a cidadanía en relación á contaminación dos niños de cegoña por plásticos?

Os resultados do proxecto desvelaron que os plásticos e microplásticos forman parte dos materiais que utilizan as cegoñas para a construción dos seus niños, e accidentalmente da súa dieta. 

O proxecto non ten só unha finalidade científica ou de investigación, senón que tamén procura concienciar sobre a cantidade de residuos sólidos que xeramos os seres humanos e a afección que estes teñen no ambiente.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario