Maite Ferreiro inaugura no Vello Cárcere a nova exposición de Camino Casabella

por Redacción Lugo

A pintora homenaxea a unha serie de mulleres que foron fundamentais no pasado e son clave para o presente e o futuro

A concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, presenta unha nova exposición que ocupará a espazo correspondente ás celas das mulleres no Vello Cárcere. ‘Heroínas de tódolos días’ de Camino Casabella amosará, dende o 24 de outubro ata o 30 de novembro, unha selección de retratos, acompañados de textos escritos tamén pola artista, que homenaxean a unha serie de mulleres que foron fundamentais no seu pasado, e que son tamén clave para o seu presente e futuro.

Maite Ferreiro destacou a sinxeleza na homenaxe que Camino Casabella «fai a todas esas mulleres ordinarias que fan cousas extraordinarias cada día, poñéndoas nun primeiro plano que axuda colocalas no lugar que merecen».

A concelleira de Cultura fixo fincapé nas características propias dunha obra que «é diversa e infinita, con rostros de mulleres que amosaron a súa forza e resistencia fronte a actitudes represoras, algo que chegou para quedar».

Entre as retratadas podemos atopar a referentes como Sinéad O’Connor, Carola Rackete, Rosa Parks, Ciara Lawrence, YSÉE, Charlotte Courbe, Jessica Greenfield, Fernanda Arrojo ou Vero Boquete, xunto a moitas outras.

O propósito da artista, explicou Ferreiro, «é poñer no foco de atención as historias da vida e da carreira destas mulleres; todas elas traballan para contribuír á sociedade, e fano fronte a grandes desafíos co propósito de superalos. Son mulleres abrindo camiño para que máis mulleres se adiquen a profesións tradicionalmente dominadas polos homes».

Mulleres pioneiras, insistiu a concelleira, «que rachan estereotipos de xénero, e adoptan roles de liderado alzando a voz polos seus dereitos, algo que a propia Camino Casabella consegue ao elaborar esta obra que lles rende tributo e que permite que a historia de todas elas chegue ata nós».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario