Baixo o título ApiConecta. Tecendo Conexións Dixitais para Fortalecer a Apicultura acaba de comezar a súa actividade un grupo operativo no que lidera a Agrupación Apícola de Galicia, nel traballará todo o equipo multidisciplinar na creación dunha ferramenta dixital que beneficiará á apicultura galega mediante a dixitalización da información recollida nas visitas ás colmeas e tamén se establecerá unha rede de comunicación áxil e bidireccional entre apicultores e persoal técnico.
O grupo operativo está formado pola Agrupación Apícola de Galicia, agrupación de asociacións con preto de 1000 socios e 85.000 colmeas; o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, como organismo referente no sector e que conta con apicultores e empresas envasadoras. Pola UVigo participa concretamente dende a Facultade de Ciencias do campus de Ourense un equipo do Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais liderado por Mª del Carmen Seijo, e outro equipo da Escola Superior de Enxeñaría Informática, composto neste caso liderado por Eva Lorenzo e Lourdes Borrajo.
O proxecto dá continuidade á dilatada traxectoria do grupo liderado por Carmen Seijo no desenvolvemento de proxectos de investigación destinados a promover a modernización do sector apícola e realizados en colaboración coa Agrupación Apícola de Galicia.
ApiConecta tivo a súa xuntanza de lanzamento este mes e desenvolverase ata 2026 financiado polas axudas da Consellaría do Medio Rural da Xunta de Galicia para proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC) 2023-2027.
Unha oportunidade para a modernización
Nun contexto no que a apicultura galega afronta grandes retos como o impacto da avespa asiática e o efecto do cambio climático, este proxecto proporciona segundo as súas entidades promotoras “unha oportunidade para a modernización do sector” incorporando sistemas de dixitalización da información e establecendo canles de comunicación para mellorar a xestión das explotacións apícolas. A dixitalización da apicultura ofrece grandes oportunidades para mellorar o traballo de apicultores e técnicos e a interrelación entre ambos, “conexión fundamental para aumentar a viabilidade das explotacións”.
Concretamente, ApiConecta proponse poñer a disposición do sector apícola galego unha rede integrada ou comunidade informatizada formada por apicultores e técnicos, que actúe como punto central de comunicación e difusión para mellorar a viabilidade das colonias de abellas. En primeiro lugar, ao seu abeiro desenvolverase un sistema de comunicación interactivo entre o persoal técnico e apicultores baixo unha mesma canle de difusión de xeito bidireccional. “Permitirase unha comunicación máis áxil, unha resposta de máis calidade e o seguimento das accións levadas a cabo pero tamén a realización de alertas para previr situacións de risco (alimento, vespa velutina, várroa, resistencias ou secas)”, sinalan. A ferramenta creada permitirá aos apicultores recibir notificacións inmediatas sobre posibles ameazas ou enfermidades que afectan ás abellas, dando a oportunidade de tomar medidas preventivas ou correctivas de maneira oportuna e reducindo así as perdas.
En segundo lugar, en ApiConecta crearase un módulo de recoñecemento de voz que simplifique a recollida de información durante as visitas ás colmeas. “Cando se usan equipos de protección (traxes de apicultor), a toma de datos tanto escritos como informatizados é lenta e complicada”, comentan desde o proxecto. Un sistema de recollida de información por voz, engaden, “permitirá tomar datos das colmeas dun xeito doado, evitando riscos, xa que non será necesario deixar as mans ao descuberto”. Por último, deseñarase un repositorio de datos na nube que recolla e manteña accesible información sobre o estado das colmeas, poñendo a disposición do apicultor e do técnico ferramentas dixitais para “facer un seguimento, avaliar o estado das súas colmeas, tomar decisións e actuar”.
O proxecto, comentan por último as entidades promotoras, “mellorará a capacidade tecnolóxica e modernizará o sector apícola, facendo que as explotacións sexan máis sostibles, utilizando os recursos con maior eficiencia e favorecendo o traballo diario de apicultores e técnicos”.
Ademais esta tecnoloxía permitirá que os apicultores se adapten mellor aos retos presentes e futuros do sector, pero tamén que sexan punteiros a nivel nacional en canto á implementación de xestión das explotacións apícolas. Calcúlase que este recurso pode ser utilizado polos apicultores galegos, pero tamén por todos os apicultores españois, xa que non hai un recurso similar no territorio nacional. Incluso podería ser utilizado polos apicultores do Norte de Portugal, cunha apicultura similar á nosa.