A UDC participa no proxecto ACD-MAR, para a promoción da accesibilidade e a inclusión do patrimonio cultural pesqueiro

por Redacción A Coruña

No marco desde proxecto, tiveron lugar unhas visitas formativas a alumnado e entidades vinculadas ao ocio, o turismo, a cultura, o sector pesqueiro e a discapacidade.

O proxecto ACD_MAR, laboratorio para o fomento da accesibilidade e inclusión de persoas con discapacidade na promoción do patrimonio cultural marítimo pesqueiro é unha iniciativa posta en marcha por FUNDAMAR, a Asociación Amicos e a UDC co obxectivo de fomentar a promoción dunha cultura accesible e inclusiva, na que se involucren activamente os profesionais do sector turístico, o sector pesqueiro e marítimo, e as persoas con discapacidade.

Na primeira etapa do proxecto, as persoas do equipo de investigación realizaron diversos relatorios nos que se se presentaron os retos e oportunidades aos que debe facer fronte a promoción do patrimonio cultural pesqueiro en materia de inclusión e accesibilidade, nos Campus de Ourense da Universidade de Vigo e tamén na Facultade de Turismo da Universidade da Coruña, co obxectivo de captar alumnado interesado neste tema. 

Nas seguintes etapas do proxecto, que deron comezo o día 25 de outubro, realizaranse unha serie de visitas formativas nas que se incorporan principios e valores de economía social, dirixidas a alumnado, entidades vinculadas a sectores como ocio, turismo, cultura, pesqueiro, ou entidades cunha actividade dirixida a persoas con discapacidade. 

Esta fase está dirixida a poñer en contacto a todos os actores que participarán no proxecto, para desembocar en encontros entre estudantes e profesionais neurotípicas con persoas con discapacidade nas que se identifiquen os retos e solucións en materia de accesibilidade e inclusión.

Este é o primeiro paso para a creación dun laboratorio para estudar e deseñar solucións de accesibilidade que xiren en torno a servizos culturais adaptados a todas as persoas, con independencia das súas capacidades físicas ou cognitivas, que poidan ser implantadas con éxito en entidades de economía social.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario