Lara Méndez responsabiliza ao goberno galego de provocar o descenso da fala en galego “costa abaixo e sen saber frealo”

por Redacción Galicia

Lara Méndez apunta que os Orzamentos de Cultura para 2025 provocan “desilusión” ao persistir na “práctica de ir á contra en lugar de remar a favor”.

A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, sinalou ao goberno galego como principal responsable da caída drástica do número de galegofalantes, que segundo o último informe do IGE están por primeira vez por debaixo dos castelán falantes. Méndez interveu na comparecencia do conselleiro de Cultura no Parlamento para dar conta dos Orzamentos do seu departamento para o ano 2025.

Méndez confesouse “desilusionada” diante do panorama dunhas contas que continúan cunha política cultural que semella unha “anatomía de parches e recauchutados sustentada na práctica de ir á contra en lugar de remar a favor”. Lembroulle ao conselleiro a bagaxe de 15 anos de políticas galegofóbicas dende o goberno galego entre o punto de partida do decreto do Plurilingüismo ata a decisión de votar en contra de establecer o galego como lingua cooficial no Congreso.

Afeoulle ao novo titular deste departamento que pretenda “resetear e poñer o contador a cero” logo de máis dunha década de xestión na que provocaron unha “ferida inútil” na lingua, ocasionando o “descenso da fala en galego costa abaixo e sen saber frealo”. Criticou que nesta etapa desatenderan as sinais de alarma máis que evidentes, eludindo iniciar “accións e reaccións na fala e na escrita galega”.

Reclamoulle “recursos, planificación e xestión” para avanzar no “gran pacto pola lingua” que propuxo o portavoz do Grupo socialista, José Ramón Gómez Besteiro, no Pleno de investidura, logo de agradecerlle que “recollera o guante” lanzado polo líder dos socialistas galegos. 

Pola contra, nos Orzamentos previstos para 2025 persistirán no abandono aos editores en galego e o nulo apoio aos creadores, máis alá do incumprimento da Lei de Memoria Histórica na reivindicación da memoria dos represaliados polo franquismo e do papel dunha xeración de intelectuais expulsados no 36. 

Afeoulles asemade que renuncien ao obxectivo de empregar a CRTVG como canle fundamental de impulso da lingua para convertela nun instrumento de control e manipulación política. Esta “cóbrese de escándalo cada venres negro -en alusión ás protestas de Defende a Galega- en denuncia dos casos de acoso laboral, con nula programación e entretemento de mal gusto” en contra das políticas de xénero que ten provocado o “desplome” do 30 por cento nas audiencias.

A responsable socialista criticou que os Orzamentos trasladan un concepto de “cultura épica trasnoitada máis propia da condescendencia das clases acomodadas que o ve como exótico antes que a característica propia dunha nación”, e por iso carecen dun Plan de acceso á cultura e reducen sistematicamente o investimento de xeito continuado. Explicou que os investimentos reais baixan un 35,7 por cento, mentres o orzamento total redúcese un 2 por cento.

Reivindicou unha “visión ampla” do sector cultural “non só centrada en dúas temáticas” como o Camiño de Santiago e os grandes festivais nos que durante a Lexislatura pasada repartiron máis de 19 millóns de euros “de xeito arbitrario”. Reivindicou apoio á “realidade dos festivais independentes” que pulan por conseguir recursos e que compren un papel fundamental á hora de promover o tecido cultural e que impulsa os elementos diferenciadores da cultura galega.

Méndez ratificou a liña propositiva dos socialistas galegos, que propoñen ademais un pacto que derive na creación dunha Lei do Fondo Cultural Galego, o fomento de medios plurais e independentes e o impulso da Lei da Memoria Democrática de Galicia.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario