A Deputación de Lugo inviste máis de 400.000€ en mellorar infraestruturas en Ourol, Burela e A Fonsagrada

por Redacción Lugo

 A Xunta de Goberno vén de aprobar tres acordos que servirán para a apertura dun vial e o acondicionamento de varias beirarrúas da vila ourolense; para converter as antigas vivendas de profesores de Burela en locais para as asociacións; e para acondicionar vías e accesos na parroquia fonsagradina de Río.

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo vén de aprobar un investimento de máis de 400.000€ para mellorar diferentes infraestruturas dos concellos de Ourol, Burela e A Fonsagrada. Así o avanzou a Voceira socialista, Pilar García Porto, esta mañá tras a reunión ordinaria do Executivo provincial, que se decidiu adiantar a hoxe con motivo de que mañá venres celébrase a festividade de Todos os Santos.

En Ourol, a Deputación achegará preto de 180.000€ en dúas anualidades para levar a cabo a apertura dun vial nunha parcela rústica que se sitúa ao lado da Casa do Concello e para acondicionar dúas beirarrúas da contorna. Segundo apuntou a Deputada, nesta zona concéntrase a maioría dos servizos municipais, como o edificio multiusos, o punto limpo, a área de caravanas ou a piscina, “polo que con este acordo non só melloraremos a accesibilidade dos veciños e veciñas a estes recursos, senón que tamén a súa seguridade e comodidade”. Explicou ademais que este investimento inclúe a humanización da contorna mediante a instalación de bancos, árbores e o correspondente alumeado.

Burela poderá financiar, grazas á Deputación, un proxecto para acondicionar as antigas vivendas de profesores e habilitar nelas locais sociais para as diferentes asociacións do municipio. O investimento da institución provincial neste caso será de 115.000€ para chegar a un investimento conxunto de máis de 123.000€.  Os traballos neste caso consistirán en transformar cada unha das catro vivendas existentes na rúa das Escolas de Burela en cinco locais para asociacións e un aseo; polo que a actuación permitirá dotar dun novo local de reunión a 20 colectivos.

“Unha actuación importante porque virá a mellorar as condicións do tecido asociativo deste municipio, o que contribuirá a dinamizar a vida social e cultural deste concello”, valorou García Porto.

Na Fonsagrada, a Deputación achegará máis de 114.000€ para colaborar co Concello en tres actuacións importantes para as comunicacións do municipio. Concretamente, este investimento servirá para mellorar diferentes estradas e accesos na parroquia de San Pedro de Río, situada ao sur do concello, no límite con Baleira. Consistirán no acondicionamento da vía que une Ferreiros e San Pedro de Río e do camiño de acceso a Escouride; na mellora do acceso a Buisán; e na rexeneración do firme no núcleo de San Pedro de Río.

Explicou a Deputada que “as estradas son fundamentais para o equilibrio territorial, por iso este tipo de colaboracións cos concellos son tan importantes.

Novo proxecto coas Mulleres Empresarias da provincia

Ademais, na Xunta de Goberno celebrada este xoves aprobouse unha colaboración coa Asociación de Mulleres Empresarias da provincia (AELU) por un importe de 35.000€ para financiar o programa formativo Ninfas, destinado ás emprendedoras.

“Unha iniciativa que pretende, por unha parte aumentar o rendemento das empresas dirixidas por mulleres, dinamizando o tecido empresarial da provincia; e por outra, loitar contra o despoboamento nas zonas do rural a través de accións formativas e de reciclaxe dirixidas ás emprendedoras”, detallou a Voceira socialista. Mediante este programa, AELU prevé impartir obradoiros formativos diversos de 2 ou 3 horas a unhas 340 mulleres da provincia.

O investimento da Deputación estará destinado, entre outras cuestións, á contratación de dúas persoas, unha encargada de coordinar a actividade, e outra experta en redes sociais e informática para impartir as formacións.

Plan de xestión do arborado

Tamén saíu adiante este xoves na reunión semanal, un plan de xestión do arborado de San Marcos, do Museo Provincial e do Fogar de Santa María para o exercicio do 2025 por importe de preto de 18.000€. “O principal obxectivo deste documento é valorar o estado no que se encontran os preto de 50 exemplares existentes nestes espazos e os seus riscos asociados, coa finalidade de establecer as medidas máis axeitadas de cara a súa xestión”, argumentou Pilar García Porto, quen engadiu que para a toma de decisións seguiranse criterios de seguridade para os viandantes, previvencia dos exemplares e coñecemento das condicións vitais.

Detallou que no caso do Pazo de San Marcos hai 16 árbores de porte medio alto, a excepción dun camelio e dun castiñeiro e que os magnolios e as coníferas son árbores vetustas, que precisan de coidados, podas e instalación de ancoraxes para manterse en bo estado.

Segundo os técnicos, no que ten que ver co Museo provincial, é recomendable sacar dúas das 13 árbores que hai neste espazo: un chopo e unha nogueira. E no caso do Fogar de Santa María, outras dúas das 16 existentes: unha nogueira e un ciprés. Tarefas que, tal e como avanzou a Deputada, se realizarán este inverno.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario